Núñez Feijoo minte cando afirma que apoia ao Sector Lácteo Galego

Hai cousas que non cambian

A Xunta de Galiza proclámase defensora do sector pero en realidade goberna de maneira lesiva para os intereses dos productores/as de leite galegos/as

 

Lugo, 12 de Xuño de 2012.-  A pasada semana, parte dos axentes do sector lácteo galego reuníronse co presidente da Xunta de Galiza Alberto Núñez Feijoo e coa conselleira do Medio Rural e do Mar Rosa Quintana co obxectivo de facer unha posta en común sobre o futuro do sector do vacún de leite.

Desde a Federación Rural Galega-FRUGA valoramos positivamente que haxa xuntanzas para dar solucións ao sector lácteo galego, iso si, sempre que estean dirixidas para chegar á resolución dos desequilibrios que existen entre o sector produtor por unha banda e o sector da industria e da distribución pola outra. En lugar diso, parece que a Xunta de Galiza está máis preocupada en enviar unha mensaxe artificial e valdeira de contido sobre os problemas que atravesa o sector e en tratar de vendernos “fume”.

Se a Xunta de Galiza tivera verdadeiro interese en incentivar a comunicación entre os axentes que forman parte do sector lácteo, principalmente entre produtores e industria, o que debera facer é poñer a andar a mesa do leite, o observatorio do sector lácteo e a comisión de seguimento dos contratos homologados, en lugar de ter todas estas ferramentas aletargadas. Só así se conseguiría chegar a acordos en materia de oscilacións dos prezos, transparencia nas facturas e garantía de rendas dignas para os gandeiros.

Desde a FRUGA pensamos que a esta Xunta de Galiza non lle queda nengunha credibilidade cando di que vai facer propias as reivindacións do sector, xa que semella que fai anuncios nunha dirección cando actúa no sentido oposto. Como prova disto lembrar as declaracións do propio Feijoo de fai uns días onde “abogou polo incremento das base terrritorial das explotacións como parte da estratexia conxunta entre administración e sector de vacún de leite” e por outra ten conxelado o Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL) e incluso chegando máis aló e mesmo potenciando a forestación terras agrícolas tal e como se recolle no proxecto da nova Lei de Montes que está sendo debatida no Parlamento Galego a instancias do Partido Popular.

Outra mostra do pouco interese que semella ter a Xunta de Galiza no sector é a responsabilidade que ten na baixada de prezos que están a sufrir as explotacións leiteiras galegas, Isto explícase en base á participación que a propia Xunta ten na empresa Alimentos Lácteos, que está a ofertar leite á distribución con prezos por baixo do prezo de mercado. Deste xeito, primeiramente afecta ao prezo que reciben os gandeiros que lle subministran leite á propia empresa e finalmente tamén acaba provocando unha baixada no prezo a recibir polo conxunto dos productores de leite galegos, xa que as outras empresas lácteas vense na obriga de ter tamén que baixar o prezo á hora de ofertar o seu producto á distribución para poder manterse no mercado

En definitiva, a c redibilidade da Xunta na defensa que di facer do sector lácteo galego queda baixo mínimos unha vez máis cando ao pouco de terse celebrado esta xuntanza da que falabamos nun principio, as industrias xa anunciaron novas baixadas de prezo. Por todo o anterior, desde a FRUGA demandamos á Xunta de Galiza que deixe de facer propaganda e que traballe para finalmente constituir o que o sector lácteo galego precisa: unha interprofesional láctea galega.