Plataforma Cidadá de Apoio á Feira de Amio reúnese co Alcalde de Compostela para solicitar un acordo por escrito que garanta a continuidade da Feira

Tanto o Alcalde como a Concelleira de Mercados aseguraron que nunca se pretendeu o peche da Feira

Os representantes da Plataforma fixéronlles entrega dun documento que recolle os pontos mínimos para un acordo firme e duradeiro pola continuidade da Feira de Gando

Compostela, 2 de xullo de 2012.- Na semana pasada unha delegación da Plataforma Cidadá de Apoio á Feira de Amio, da que fai parte a FRUGA, reuniuse con Alcalde de Compostela, Angel Currás, e a Concelleira de Mercados, Reyes Leis, para tentar establecer un marco que garanta a continuidade da Feira semanal de gando nas instalacións de Amio. Desde a Plataforma deixouse clara a vontade de compatibilizar esta actividade con outras que xa se veñen desenvolvendo con normalidade no recinto: só no ano 2010 foron mais de trinta os distintos eventos que se celebraron e que nalgún caso mesmo chegaron a obrigar á suspensión dalgunha feira. Xa que este parecía ser o principal atranco para garantir a continuidade da Feira, desde a Plataforma enténdese que as principais diferencias estarían salvadas toda vez que os usuarios e usuarias da feira xa terían amosado a súa boa vontade e disposición para a compatibilización con outros eventos.

Acordo municipal

Mais para a Plataforma resulta indispensábel a concreción por escrito dun acordo que garanta a continuidade da Feira e que, ao entender da Plataforma, debera ser subscrito por todos os Grupos Municipais representados no Concello de Compostela. No transcurso da reunión achegouse un documento elaborado pola Plataforma que recolle os pontos mínimos para garantir o uso ordenado da feira e o compromiso pola continuidade da cita gandeira semanal.