Participación da FRUGA no Dia da Patria: contra a crise, políticas activas para o agro

Ademais da participar da manifestación polas rúas de Compostela, instalouse un posto no FESTIGAL no que ademais do material propio da Organización, foron postos á venda distintos viños e licores dos nosos/as asociados/as

A compañeira Pilar Vispo, membro da nosa Dirección Nacional, arengou desde a tribuna da Quintana a continuar loitando por un agro galego vivo e chamou á loita aos labregos e labregas deste país na defensa da nosa Patria fronte as agresións das políticas centralistas de Madrid

Compostela, 29 de xullo de 2012.- Como ven sendo habitual desde a súa fundación, a FRUGA participou activamente dos actos reivindicativos do Día da Patria Galega. Ademais da numerosa e animada presencia de labregos e labregas no percurso da manifestación convocada polo BNG, a nosa compañeira Pilar Vispo, labrega de Vila de Cruces, dirixiuse às 20.000 persoas que ateigaban a Quintana no que foi a voz labrega do nacionalismo nunha xornada histórica que marcou un novo fito na capacidade de mobilización das forzas politicas e sociais que se reuniron en torno á convocatoria do Bloque Nacionalista Galego.

Presencia no Festigal

Non menos vistosa foi a nosa presencia no FESTIGAL. Como xa se estaba a facer en anos anteriores, instalouse unha carpa que pasou por ser unha das mais concorridas da Carballeira de San Lourenzo. Aparte do material propio da organización, numerosos viticultores da nosa Federación achegaron os seus produtos que, como xa tiña acontecido en anteriores edicións, tiveron unha moi boa acollida até  o ponto de esgotar existencias. Viños e licores da FRUGA serviron para animar unha xornada de festa e loita onde a alternativa do nacionalismo soou con forza nuns intres críticos para a nosa sociedade que ve como son sistematicamente retallados cando non suprimidos os seus direitos sociais mais elementais e que clama con forza por un cambio social que poña á nosa Nación no lugar que historicamente lle corresponde.