A Federación Rural Galega-FRUGA solicitou unha entrevista coa conselleira do Medio Rural e do Mar para buscar solucións á crise do sector
Lugo, 7 de agosto de 2012.– O sector lácteo galego esmorece nunha crise que ameaza con deixar, non só ao rural, senón ao conxunto da sociedade galega sen un dos seus motores económicos. O prezo do leite que receben os produtores continúa a caer en picado namentres os custos de produción continúan a subir nun ascenso que parece non ter fin.
O seguimento de dous dos principais indicadores no vacún de leite no último ano demostran que a rentabilidade das explotacións leiteiras continúa a baixar. Desde a FRUGA estimamos que, de media, unha explotación que cobraba o litro de leite en agosto de 2011 a 30 céntimos, agora, en agosto de 2012 recibe un prezo de 27 céntimo por litro. Namentres, se fai un ano o quilo de penso estaba a 33 céntimos, agora atópase a uns 39 céntimos por quilo. É dicir, as explotacións de leite están recibindo polo leite no último ano un 10% menos e o penso encareceuse nun 18 % de media.
Ante esta situación o Goberno Galego fica de brazos cruzados e iso perxudica directamente ás nosas explotacións leiteiras. A case paralización de medidas que estaban a funcionar tales como o o Banco de Terras, deseñado este para aumentar a base territorial das explotacións, a recente aprobación da nova Lei de Montes que permite de novo a forestación de terras agrarias e os atrancos que desde a Xunta se puxeron ao Contrato de Explotación Sustentable (CES), que orientaban o modelo produtivo cara sistemas menos dependentes de alimentos externos ás explotacións fai que as explotacións de leite teñan máis dificultades para resistir a difícil situación na que se atopan.
A Xunta de Galiza continúa sen interesarse na creación dunha interprofesional láctea galega, a mesa do leite, os contratos homologados e o observatorio do sector lácteo xa non contan coa importancia que tiñan na Xunta do bipartito e isto nótase. Agora a situación mudou, o prezo do leite galego xa non é superior á media do estado tal e como era antes, agora está por baixo, e iso é consecuencia deste cambio de dirección.
Outra consecuencia da política do Partido Popular é a crise que está vivindo o sector cooperativo agrario galego. Este atópase nunha situación de grave crise, chegando a darse situacións nas que os produtores están tendo problemas para cobrar o seu leite debido a que algunhas das cooperativas integradas en Alimentos Lácteos, non teñen capacidade para facerse cargo dos pagamentos. Por outra parte a situación é límite noutros casos, xa que hai outras cooperativas que se atopan practicamente en quebra.
Por todo isto desde a Federación Rural Galega-FRUGA, rexistramos unha solicitude de entrevista coa conselleira do Medio Rural e do Mar co fin de buscar solucións a esta crise do sector lácteo galego que pode acabar sendo unha lousa tanto económica como social na Galiza.