Convocado pola Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, na se integran tamén pola CIG, ADEGA e a ORGACCMM
O acto terá lugar o mércores ás 12 horas na Casa Grande de Viloria, no concello de O Barco
Compostela, 14 de agosto de 2012.- No mediodia de mañá terá lugar un acto de protesta organizado desde a Alianza por un Medio Rural Galego Vivo, para condenar a actuación da administración na xestión dos nosos montes e a sua protección, cuxo resultado se fai visíbel en desastres ecolóxicos e humanos como os vividos estes dias na comarca ourensá de Valdeorras.
Desastre total nunha comarca castigada
A recentemente aprovada Lei de Montes, que volta permitir forestacións masivas con espécies pirofitas e míngua as áreas de protección no contorno das povoacións, o abandono das políticas de prevención, o retraso na activación das brigadas de extinción, sumado ao abandono do rural e a actividade agraria trae como consecuencia montes debastados, viñas queimadas e casas reducidas a cinzas. Desde a FRUGA levamos meses alertando desta situación criada desde a Xunta e o Partido Popular con Feijóo á fronte, que aprovou diminuir as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros), reducir os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos), eliminou o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 hectáreas continuas para ademais abrir a posibilidade de forestar terras agrarias.
Retallamentos tamén na extinción e políticas focadas á grande industria
Hai que lembrar que este ano as brigadas encargadas da extinción de lumes sofriron tamén un importante retallamento no tocante ao número de efectivos, e levan apenas uns dias activas logo que se adiase o mais posíbel ao sua incorporación á actividade laboral. Mais por desgraza os efectos da nova Lei de Montes e o empeño do PP por facer desaparecer o noso mundo rural non rematan ai. Esta lei pretende desmontar a protección do monte veciñal e introducir ferramentas especulativas ao servizo da gran industria forestal e enerxética, rebaixando de paso a capacidade de intervención da Administración para entregar aos mercados a xestión dos nosos montes. E por suposto esquece que o monte fai parte dun todo como é o rural, polo que os aspectos agrarios, sociais e ambientais que tamén fan parte do monte son deliveradamente esquecidos.
Desde a Alianza insistimos en que os nosos montes teñen futuro, e que os lumes poden combaterse con algo máis que represión policial se se aposta pola prevención e por poñer en valor con intelixencia todas as potencialidades da nosa terra