A iniciativa municipal, que contou coa colaboración da FRUGA, enmárcase dentro da iniciativa “Vellos oficios vivos”, e neste caso serviu para recuperar a memoria histórica produtiva do rural galego, desta volta na cidade de Lugo
Lugo, 14 de agosto de 2012.- No pasado fin de semana a cidade de Lugo acolleu a recreación dunha das tarefas mais importantes no noso rural durante séculos, como é a malla.
Lois Martínez Taboada, técnico da Federación Rural Galega, na presentación destas xornadas agradeceu a colaboración das distintas persoas e asociacións de distintos puntos da provincia de Lugo que de maneira desinteresada prestaron maquinaria ou aperos e que colaboraron para a realización da malla, e detallou que o programa completa un importante abano de oficios rurais.
As actividades comezaron o sábado pola mañá cunha demostración dun rapador, Atilano, de Negueira de Muñiz. A continuación desenvolveuse a malla do trigo con mallos, unha vella técnica empregada antes da chegada das malladoras a Galiza, que correu a cargo da Asociación Cultural Santirso do Eo, de Santirso de Abres, adicada á recuperación das vellas tradicións rurais. Amenizaron estas tarefas alumnos da Tradescola coas súas zanfonas. Pola tarde foi o turno dun ferreiro, Vítor Uriz, de Guntín, con Luís O Caruncho interpretando cantares de cego.
Xa o domingo tocou a malla coa malladora. Empregouse para a malla unha malladora de máis de 100 anos, de fabricación suiza, grazas á colaboración dos veciños da parroquia de Trapa, na Fonsagrada. Lois Martínez explicou que a chegada das malladoras a Galiza, fai uns 150 anos, “axudou a sentar as bases do cooperativismo agrario galego, porque eran caras e había que mercalas en conxunto por parte dos veciños dunha parroquia”. Durante a mesma, e tamén dentro da programación “Vellos oficios vivos”, o actor Pepe Penabade fixo unha entretida demostración do oficio de afiador.