A eliminación de Preescolar na casa, prazas de profesorado e incluso o peche de colexios discrimina ao rural galego e aumenta a desigualdade de oportunidades
Lugo, 24 de agosto de 2012.– O sector agrogandeiro galego está padecendo unha grave crise económica que está levando ao peche de explotacións nun goteo constante que parece non ter fin. A actividade agraria, motor económico do rural galego esmorece namentres a Consellería do Medio Rural e do Mar atópase “desaparecida ou morta en combate” desde fai ben tempo, mostrando deste xeito o desinterese da Xunta polo rural galego, e xa que logo dunha parte importante da poboación galega e do 85% do seu territorio.
Esta deixadez á que nos tiña acostumados a Xunta de Galiza respecto ao rural galego mudou finalmente e pasou á acción, pero no sentido equivocado, aprobando medidas que desmantelan o sistema educativo rural galego, e deste xeito, afondan na diferencia de oportunidades entre as persoas que viven no rural e en contornos máis urbanos, é dicir, acelerando coa súas políticas o despoboamento do rural galego.
Por unha banda, este curso que está a piques de comezar, a Xunta volve a aumentar as subvencións a colexios privados, incluso a algúns centros ligados ao Opus Dei que segregan por sexo, e por outra banda, baixa o orzamento do sistema educativo público que van supoñer, entre outras cousas, a supresión de 199 postos de traballo e mesmo o peche de 12 centros educativos na súa maioría de educación infantil.
Alén diso, coa eliminación de unidades educativas e de profesores no rural (só na provincia de Lugo pérdense 43 unidades e sobre 60 profesores nos concellos rurais) provoca non só o aumento do número de alumnos por aula, senón tamén que se agrupen estudantes de idades e necesidade diferentes. Con isto, na educación infantil e primaria, etapas fundamentais na adquisición de ferramentas básicas como a escritura e a comprensión oral, xa de por si degradadas polas políticas do Partido Popular, vanse ver aínda máis afectadas no rural.
Supresión de preescolar na casa Preescolar na casa, programa pioneiro e único en Europa que está a ser imitado noutras partes
do Estado e da Unión Europea, foi liquidado polo PP. Un plantexamento educativo que daba cobertura a 4000 familias do rural e que atendía aos nenos e nenas no seu propio entorno foi eliminado baixo pretextos orzamentarios cando aumentan as partidas destinadas aos centros privados. Curiosamente con esta erradicación tamén se exclúe ao galego dos primeiros pasos educativos dos nosos pequenos.
Non mais discriminacións. Igualdade de oportunidades.
Por todo o anterior, desde a Federación Rural Galega-FRUGA, esiximos á Xunta de Galiza que deixe de discriminar ao rural galego e que, ademais de buscar solucións á crise agraria que padecemos, repoña os servizos públicos educativos do rural para así manter a igualdade de oportunidades entre todos os galegos independentemente do seu lugar de residencia.