A Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo, na que está integrada a FRUGA, xunto á CIG, ADEGA, e ORGACCMM, participou activamente da mobilización que serviu como ponto final á marcha iniciada polas ANPAS do rural, e no que participaron centos de persoas
Compostela, 13 de setembro de 2012.- Se Feijoo ten na súa axenda o desmantelamento dos sectores públicos e dos servizos fundamentais á poboación galega, no marco dos “axustes” ditados polo Banco Mundial, FMI e BCE para “rescatar” á banca española, o rural pasa por ser a primeira vítima dun goberno submiso e rendido aos cabalos do grande capital. O desprezo sistemático ao rural e ás actividades agrarias e gandeiras, froito dos complexos dun goberno que renega do seu propio País, materialízanse tamén no peche de escolas, redución de mestres e mestras, co obxectivo último de despoboar definitivamente o medio rural que non pasa de ser para o PP mais que un caladoiro de votos no que pretenden seguir faenando con catro farolas e dous camións de formigón. FRUGA fai un chamado á dignidade do noso rural e as súas xentes, e continuará na loita por un medio rural galego vivo e con futuro, que pasa por un medio rural dotado de servizos e infraestructuras que garantan unhas condicións de vida dignas e nunca inferiores ás que poidan disfrutar calquera dos cidadáns e cidadás da Galiza. A continuación reproducimos o Manifesto en defensa das escolas rurais elaborado desde a Alianza.
MANIFESTO EN DEFENSA DAS ESCOLAS RURAIS
Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo
(ADEGA, CIG, FRUGA, ORGACCMM)
A política de recurtes e supresión de dereitos sociais do actual goberno da Xunta de Galiza cébase moi especialmente co rural galego. Desmantelamento planificado do sector agrogandeiro, fomento da especulación, privatización encoberta dos montes comunais, afastamento e elitización dos servizos básicos, despoboamento… Todo acada sentido atendendo ás verbas dun ex-conselleiro, hoxe delegado do goberno español, para o que “o mundo rural non ten futuro e está condenado a desaparecer”.
Un chanzo máis nesta estratexia é, precisamente, deixar ao mundo rural sen ese futuro: sen rapaces e rapazas, recambio imprescindíbel dunha poboación tradicionalmente abandoada, sen educación, sen escolas, sen Preescolar na Casa… Efectivamente, sen todo isto, non hai futuro.
As organizacións que integramos a Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo rebelámonos contra este perverso programa. Acreditamos que o noso rural ten futuro, que pasa primeiro por ter orgullo del, por dignificalo e apostar por el, comezando polas propias administracións. É por isto que vimos de denunciar o exterminio planificado que a Xunta quere executar no mundo rural galego ao deixalo sen nenos e nenas, ao roubarlle o seu futuro.
Os recurtes cos que se inicia o curso 2012-2013, son os peores das últimas décadas:
– Redución de máis de 1000 ensinantes.
– Supresión de mais de 130 unidades en centros públicos.
– Eliminación de 12 centros escolares.
– Mais de 100 centros con alunado agrupado de distintos níveis.
– Supresión de Preescolar na casa, programa pioneiro e multipremiado en Europa que a Xunta foi afogando até suprimilo, deixando na rúa 32 traballadores/as e varios milleiros de crianzas sen acceso á educación.
– 4 mil familias quedan sen praza para os seus nenos e nenas.
– 4 mil alunos e alunas non poderán estudar o ciclo formativo escollido.
– Sen libros de texto gratuítos e polos que cada vez hai que pagar máis.
Neste panorama dunha educación pública que agoniza, o caso do ensino rural ainda é mais grave. Non houbo ningunha medida que supuxese o máis mínimo avance.
A Escola Pública Rural tal e como a percibimos quenes aspiramos a un mundo rural galego vivo, ten nestes tempos de crise un papel fundamental como vertebradora da sociedade e do territorio. A escola rural conforma unha comunidade social estreitamente vencellada á terra, que reforza e preserva a cultura local e contribúe a manter a vida dos pobos. É un exemplo de integración e atención á diversidade. Favorece o desenvolvemento dunha pedagoxía activa, facilitando a participación do alunado en contacto directo coa realidade social e natural. É por isto que defendemos o acceso do alunado do rural a centros docentes da súa contorna.
É un inmenso erro facer desaparecer a escola rural e como consecuencia os pobos. O futuro pasa por conservar o medio natural, os recursos, a alimentación e a cultura que nos fixo sobrevivir. E a escola rural é unha das chaves para para que isto sexa posible. Faise necesaria pois a implicación, a concienciación e o compromiso da comunidade escolar, da cidadanía, sindicatos, os movementos sociais… pois está en xogo un modelo de relacións, de educación e de equilibrio entre as persoas e o medio rural, en definitiva, un modelo de país.
Por todo isto, esiximos da Consellaría de Educación que rectifique e cese nos seus ataques ao ensino público e ao noso medio rural, mantendo as escolas e as unidades educativas rurais cos seus servizos e orzamentos precisos.
FEIJÓO: NO RURAL TEMOS DEREITOS