FRUGA e BNG coinciden na análise da situación e das alternativas para o Medio Rural Galego

Xurxo Álvarez, Presidente da FRUGA, canda Guillerme Vazquez, Portavoz Nacional do BNG.

Inicativa política para defender e potenciar a nosa capacidade productiva e intervención decidida da Administración Pública Galega para garantir prezos dignos para as producións agrarias

Compostela, 25 de setembro de 2012.– A Federación Rural Galega, FRUGA e o Bloque Nacionalista Galego, BNG, celebraron esta mañá un encontro de traballo na sede nacional do BNG en Compostela.

Na reunión, dende FRUGA, analizouse a situación de crise que vive o medio rural galego: peche de explotacións, abandono do medio rural, despoboamento, falta de servizos, etc., e a responsabilidade tan relevante do actual goberno galego do PP nesta situación. Si por algo se caracterizou a acción política do PP na Xunta a respecto do mundo rural foi polo desprezo e desatención, así como pola eliminación de todas e cada unha das medidas impulsadas na anterior lexislatura para correxir as dinámicas negativas no medio rural galego. Exemplo paradigmático desa actuación política é o que está a acontecer co sector lácteo galego, verdadeiro motor económico da economía agraria galega e que se atopa nunha situación crítica sen que o goberno galego tome ningunha decisión política ao respecto.

Para FRUGA o rural galego ten futuro e potencialidade, só é preciso que exista un goberno galego que exerza como tal, e se comprometa na defensa dos distintos sectores e na implementación activa de políticas que garantan a supervivencia da actividade agrogandeira. Non acreditamos en deixar todo ao albur do libre mercado e despois comprobar como si se intervén para garantir o funcionamento doutros sectores económicos, ou como se desmantelan os servizos públicos e se eliminan dereitos sociais para salvar o mercado financiero especulativo.

Pola súa parte o BNG comparte a ánalise da situación e as alternativas para revertir a situación. Así o propio Portavoz Nacional, Guillermo Vázquez, manifestou que de sempre o BNG defendeu políticas de intervención pública decidida para mudar a actual situación e que garantizaran o mantemento da actividade agraria e prezos dignos para os productos galegos. Sinalou que esta liña defendeuse tanto na oposición como dende responsabilidades de goberno, tal e como se demostrou na acción do BNG na Conselleria do Medio Rural no anterior goberno da Xunta.

Comprobada a sintonía das dúas organizacións na nosa visión do mundo rural galego, ficamos emplazados a seguir colaborando no futuro, cada organización no seu ámbito de actuación, para acadar eses obxectivos comúns que compartimos.