A Federación Rural Galega – FRUGA súmase á mobilización láctea do 4 de outubro

O Goberno Galego do PP contribúe á destrución do sector leiteiro galego

 Compostela, 27 de setembro de 2012.-  A Federación Rural Galega durante a última quincena do mes de setembro ven de desenvolver unha campaña informativa e divulgativa de asembleas en todas as zonas produtora do leite do País a respecto da crise, case que permanente, que padece este sector, e que tiña como obxectivo denunciar esta situación e como conclusión celebrar unha concentración perante a Consellería do Medio Rural e do Mar, en Compostela o dia 28 de Setembro

Cando estabamos a desenvolver a nosa campaña tivemos coñecemento da convocatoria de unha outra mobilización por parte das organizacións agrarias estatais que desenvolven a súa actividade na Galiza. Convocatoria que se fai para o dia 4 de Outubro, tamén en Compostela.

Co ánimo de non disgregar e desunir as poucas forzas de que dispón o sector lácteo galego, xa que non debemos de esquecer que nesta última lexislatura perdéronse mais tres mil granxas leiteiras na Galiza e que polo tanto cada vez ficamos menos (neste momento sobre dez mil), desde FRUGA decidimos sumármonos a esta convocatoria coa disposición de sumar e non dividir esforzos a fin de demandar solucións reais e efectivas, tanto da administración galega como estatal, que teñan como obxectivo mellorar as condicións difíciles polas que está a atravesar o noso sector lácteo.

Non debemos esquecer que na Galiza somos mais do 50% das granxas leiteiras do Estado español e que producimos aproximadamente o 40% do leite, e polo tanto somos a primeira potencia produtora do Estado español. Isto debería implicar que a política leiteira española tería de se definir aquí e non en Madrid, polo que resulta incomprensíbel que sexa precisamente na Galiza onde se cobran os prezos do leite mais baixos do Estado e case os mais baixos de toda Europa, tendo de facer fronte a uns custes de produción cada vez mais elevados, sen que o Goberno Galego faga nada.

Desde FRUGA alegrámonos que as outras organizacións agrarias asuman, agora, que os camiños a transitar para buscar mellorar as condicións do sector lácteo galego son os que se puxeran en marcha na anterior lexislatura e que nesta foran botadas abaixo, tales como a mesa do leite da Galiza de cara a constituír unha Interprofesional Láctea Galega, o Observatorio Lácteo Galego, o Contrato Homologado Galego e que até o dia de hoxe sigue en vigor, o Grupo Lácteo Galego ligado ao concurso eólico, ou o Banco de Terras e a prohibición de plantar as terras agrarias, entre outras medidas adoptadas.

Por todo isto, para defender solucións reais e efectivas, é polo que a Federación Rural Galega – FRUGA se suma á convocatoria de mobilización do dia 4 de Outubro.