FRUGA apoia a Folga do Leite contra da discriminación que sofren as nosas granxas e en demanda de prezos xustos

Os dados revelan que as granxas leiteiras  galegas son as que menos cobran polo seu leite  tomando como referencia tanto o Estado español como a Unión Europea

FRUGA critica a actitude de UPA-UUAA, XXAA-ASAJA e SLG-COAG, que se empeñan novamente en eximir á Xunta de Galiza de calquer responsabilidade obviando o papel que ten que ter o Goberno da Galiza na defensa dos seus sectores produtivos

Compostela, 6 de Novembro de 2012.- As granxas galegas que se dedican á produción de leite son as que menos cobran polo seu produto tendo de conta tanto o prezo medio que cobran as granxas do Estado español como as da Unión Europea.

Segundo os últimos dados proporcionados polo FEGA (Fondo Español de Garantía Agraria) o prezo medio do leite cobrado pelas granxas, correspondente ao mes de Setembro, no Estado español foi de 31,40 €/100 Quilos; no caso da Unión Europea este ascendeu até os 33,72 €/100 Quilos. Porén os dados para Galiza proporcionados polo Observatorio do Sector Lácteo da Xunta de Galiza indican que o prezo medio foi de 29,36 €/100 Quilos.

O primeiro comentario que nos suscitan estes dados é que, sendo o prezo do leite das granxas situadas no Estado español de 31,40 €/100Qg e incluíndo este o prezo das granxas galegas (29,36 €/100Qg), fica claro que o prezo percibido polas granxas situadas fora da Galiza é moito superior ao prezo que estamos a cobrar na Galiza, a redor de 3 ou 4 céntimos mais, xa que a maiores debemos ter de conta que aquí producimos aproximadamente o 40% do leite de todo o Estado.

O segundo comentario, e aínda mais evidente, é que si o prezo medio na Galiza é de 29,36 €/100Qg a maioría das granxa da Galiza cobra aínda menos. Segundo os dados do Observatorio as granxas con cota de entre menos de 100.000Qg e 400.000Qg cobran menos que a media, só as granxas con cotas superiores a 400.000Qg cobran por riba do prezo medio da Galiza, e todas elas cobran por baixo do prezo medio do Estado español.

E o terceiro e último comentario, e por outra parte o mais obvio, ten a ver con que as granxas galegas somos das que menos cobramos polo leite, que mal vendemos, de entre todas as granxas da Unión Europea (33,72 €/100Qg).

Isto non foi sempre así, xa que nos anos 2007 e 2008 o prezo medio do leite cobrado polas granxa galegas foi de 36,75 €/100Qg e de 37,26 €/100Qg, respectivamente moito superiores aos prezos que se estaban a pagar neses mesmos anos en Francia; 31,52 €/100Qg e 36,31 €/100Qg.

Para FRUGA a situación de discriminación que padecemos as granxas leiteiras galegas ten moito que ver coa política levada a cabo polo PP desde o Goberno da Xunta, ao longo da lexislatura que ven de rematar, caracterizada por dinamitar todos os instrumentos dos que a anterior Consellería do Medio Rural dotara ao sector leiteiro galego e por renunciar a liderar o sector leiteiro español, situación de lideranza que nos corresponde en función de sermos a primeira potencia produtora de todo o Estado.

Tamén pensamos que se ten chegado a esta situación debido á actuación timorata e desenfocada do resto das organización profesionais agrarias ao eximir das súas reivindicacións ao Goberno galego do Partido Popular e enfocar este problema exclusivamente desde o punto de vista economicista, centrando as reivindicacións exclusivamente nas industrias e na distribución esquecéndose da función que debe cumprir todo goberno de defensa e regulador dos seus sectores produtivos e neste caso o leiteiro, fulcral para a economía e vertebración deste noso País.