Unha delegación de gandeiros visitou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (C.I.A.M.), onde se buscaron alternativas ao penso na alimentación de vacún
Lugo, 12 de novembro de 2012.- O permanente encarecemento dos custos de producción en xeral, e a alza no prezo dos pensos en particular está facendo que as granxas de vacún galegas estean nunha situación de asfixia económica que ameaza con, literalmente, liquidar ao sector.
Dentro dun programa informativo no que a Federación Rural Galega-FRUGA pretende dar saídas á grave crise que padece o sector de vacún galego, unha delegación de gandeiros da FRUGA, visitou as instalacións do C.I.A.M. onde os investigadores Jaime Zea e Teresa Moreno fixeron unha exposición das alternativas que existen ao consumo de cereais e pensos na alimentación de vacún.
Nesta xornada explicáronse primeiramente as necesidades alimenticias do vacún para un correcto engorde e por outra banda, falouse das diferencias que pode haber segundo a alimentación que se lle subministre ao animal, tanto desde o punto de vista de rendibilidade económica como de calidade da canal.
Discutiuse sobre distintas alternativas forraxeiras como poden ser o silo de millo, alfalfa, xirasol, centeo, chícharo, triticale, avea, veza… Analizando isto, e dependendo de cada situación concreta de cada granxa e escollendo correctamente a mellor opción, axudar a reducir a dependencia externa de alimentos e, deste xeito, aumentar a renda nas explotacións.
A valoración xeral desta experiencia foi valorada como moi positiva tanto polos investigadores do CIAM como polos propios gandeiros, de xeito que se acordou continuar con este programa que promove FRUGA e que inclúe visitas aos centro de investigación, permitindo transferir ás explotacións galegas a innovación e o desenvolvemento que se levan a cabo nos propios centros de investigación.