FRUGA participa activamente na exitosa xornada de folga xeral

Membros da Federación estabeleceron un piquete informativo na entrada de Nestlé en Pontecesures e paralizáronse diversas rutas de recollida do leite

Compostela 14 de novembro do 2012.- Perante os graves recortes adoptados polo goberno do PP, tanto en Madrid como na Xunta, que afogan ao mundo rural galego, e ante o desenvolvemento de políticas que están levando ao sector agrogandeiro a maior crise da súa historia, a Federación Rural Galega, FRUGA, decidiu participar activamente na xornada de Folga Xeral celebrada no día de hoxe.

Comezamos a xornada constituindo un piquete informativo ás portas da factoría que a multinacional Nestlé ten na vila de Pontecesures. Escolleuse esta planta da multinacional alimentaria e leiteira por ser exemplo paradigmático dos intereses do gran capital que están detrás das decisións que se están tomando, e que están levando ao noso sector leiteiro a unha situación insostíbel.

Así mesmo, os piquetes informativos de FRUGA entorpeceron o normal funcionamento de varias rutas de recollida do leite no pais.

Posteriormente afiliados e afiliadas de FRUGA participaron nas masivas manifestacións que se desenvolveron nas vilas e cidades de Galiza, máis concretamente, nas cidades de Santiago, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Dende a Federación Rural Galega seguiremos na primeira liña de loita na defensa dun futuro para o medio rural galego, desenvolvendo accións conxuntas co resto de actores sociais cando sexamos convidados a elo, ou en solitario si non somos chamados, pero nunca calaremos nin nos resignaremos ante o destino que o PP lle ten reservado ao sector agrario e gandeiro de Galiza.