Principio de acordo confuso e sen compromisos, e que ademais chega tarde
Compostela, 29 de novembro de 2012.- Hoxe cumpríronse dous días desde que se iniciou a chamada folga do leite e o balanzo da mesma concretase en que se deixaron de entregar aproximadamente uns 13 millóns de litros de leite o que equivale a uns 4 millóns de euros.
O ter de chegar a esta situación, para a Federación Rural Galega – FRUGA, evidencia o fracaso total da política agro-gandeira levada a cabo polo Goberno Galego presidido polo señor Feijoo.
É bo lembrar que antes de chegar Núñez Feijoo á presidencia da Xunta os prezos do leite na Galiza eran superiores aos prezos percibidos no resto do Estado español e mesmo na Francia, país directamente competidor do noso leite. Transcorrida unha lexislatura baixo o seu mandato os prezos do leite percibido pelas granxas galegas son os mais baixos do Estado español e da UE.
Esta situación é produto da política levada a cabo polo PP de Galiza no goberno. Política que se traduce na destrución de todos os instrumentos dos que se tiña dotado o sector. Así a Mesa do Leite, foro de interlocución, so se reuniu tres veces en toda a lexislatura; o Observatorio lácteo foi utilizado con fins estatísticos deturpándoselle a función para o que fora creado; o contrato homologado de Galiza, que se asentaba nos datos proporcionados polo Observatorio, non foi implantado; e o Banco de Terras de Galiza conxelado, así durante o que vai de ano rexistráronse 400 solicitudes e non se resolveu ningunha; tampouco se actuou con decisión contra as grandes áreas comercias que teñen o leite como produto reclamo e desaproveitouse a ocasión que brindou o abandono da planta de Outeiro de Rei por parte do grupo Pascual para constituír o xerme do que ten de ser o grande Grupo Lácteo Galego.
Por intereses partidarios, no seu momento, decidiuse adxudicar a planta de Outeiro de Rei a un reducido grupo de cooperativas lideradas por persoas ligadas directamente ao PP en detrimento de outras ofertas mais solvente. A situación deste proxecto, nestes momentos, é de completa quebra, polo que se fai imprescindíbel depurar responsabilidades políticas e económicas para logo proceder ao seu saneamento e a partir de aí dar os pasos necesarios para constituír, xunto con outros proxectos, o imprescindíbel Grupo Lácteo Galego.
A renuncia da Xunta de Galiza a liderar o sector leiteiro español é a causa fundamental da situación crítica que estamos a padecer, cos prezos mais baixos de toa Europa e cos custe de produción disparados. Esta é o motivo que levou ao sector a convocar a folga do leite. Denunciar esta situación e demandar medidas que a revertan.
Desde FRUGA demandamos da Xunta de Galiza, e en concreto do seu Presidente, a súa intervención directa no establecemento das regras de xogo claras e de obrigado cumprimento que permitan saber o papel que desempeñan cada un dos actores que fan parte do sector e que por outra parte permitan alcanzar un nivel de vida digno ao sector produtor, e que non se limite exclusivamente a proporcionar un local para celebrar as negociacións. Neste sentido reclamamos que se constitúa un marco galego de negociacións: Galiza produce, Galiza decide.
Á espera de coñecer os datos concretos do pre-acordo ao que se chegou a noite pasada, FRUGA valora que este é un fracaso do Presidente da Xunta porque para chegar a este acordo houbo moito tempo antes sen ter que esperar a que se levara a cabo unha folga do leite na que se tiveron de tirar mais de 13 millóns de litros o que equivale á perda de mais de 4 millón de euros por parte das granxas galegas. De todas as maneiras esperamos que a suba do prezo do leite que se promete con este acordo sexa aplicada inmediatamente, que sexa suficiente cando menos para cubrir custes de produción e que teña unha duración no tempo que permita recuperar as depauperadas economías das granxas galegas.