Emotiva xornada sobre as Loitas Agrarias na Galiza en Trasliste

Trasliste, símbolo de resistencia na loita contra a cota empresarial, foi o lugar escollido para esta xornada de reflexión sobre a liberación agraria galega

Lugo, 1 de decembro de 2012.-  Este sábado, a Federación Rural Galega-FRUGA, celebrou na parroquia de Trasliste, Láncara unha xornada reivindicativa dos movementos agrarios galegos máis importantes desde a transición ata os nosos días.
Primeiramente fíxose unha ofrenda no monolito que rinde homenaxe á firmeza do Sr. Xulián nos intentos de embargo que sufríu na loita contra a cota empresarial. Seguidamente, o historiador  Francisco Carballo ofreceu unha conferencia sobre a historia das loitas agrarias na Galiza na antiga escola de Trasliste. Carballo resaltou a importancia que ten na sociedade actual o pasado reivindicativo do campesiñado galego.
Despois do xantar na casa de turismo rural Casa Grande de Láncara, tivo lugar unha mesa redonda onde se debatíu sobre o presente e o futuro das loitas agrarias galegas. Nesta mesa, moderada por Maite Ferreiro, participaron o propio Francisco Carballo, Xurxo Álvarez, presidente de FRUGA, Emilio López, Fiz Castro e Esther López.