A delegación galega da que formaba parte FRUGA, convidada polo BNG, entrevistouse con distintos representantes da Dirección Xeral de Agricultura da UE
Para a Federación Rural Galega esta reforma vai ser un fracaso para os intereses do sector produtor por estar presidida polo criterio de se adaptar ás regras fixadas pola Organización Mundial do Comercio (OMC)
Compostela, 10 de decembro de 2012.- Os pasados días 6 e 7 de decembro celebrouse un seminario en Bruxelas, organizado pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que tiña por título: “Análise do impacto da reforma da Política Agraria Común na Galiza”, ao que asistiu unha ampla representación do sector agrogandeiro e rural da nosa nación. A Federación Rural Galega – FRUGA tamén formou parte desa delegación respostando ao convite feito polo Bloque Nacionalista Galego.
Este seminario contou coa participación de distintos representantes da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, así como de eurodeputados de Escocia e Portugal. Son de destacar as reunións mantidas con Luis Manuel Capoulas Santos, ex ministro portugués de Agricultura, eurdeputado relator dos informes sobre a Reforma dos Pagamentos Directos da PAC e de Desenvolvemento Rural para o Parlamento Europeo, e co galego Xosé Manuel Silva Rodríguez, Director Xeral de Agricultura da Comisión Europea.
Logo destas reunións confirmase que a filosofía que preside o proceso negociador, para levar a cabo esta reforma, está condicionada polas regras ditadas pola Organización Mundial do Comercio (OMC). Ficou claro que os interese que priman son os das transnacionais en detrimento dos do sector produtor. A función do sector produtor vai seguir a ser, se é capaz de aguantar, a de ser suministrador de materias primas a baixo prezo para que a grande industria agroalimentar poda seguir exportando e competindo no mercado mundial, mesmo facendo “dumping”.
No caso de que sexan aprobadas as propostas que fundamentan esta reforma sen sufrir modificacións sustanciais, fica por dar unha grande batalla, tanto en Galiza como no Estado. Desde o punto de vista de FRUGA, consideramos necesario definir unha posición galega a respecto dos aspectos nos que a reforma traslada as decisións aos Estados membros, tales como se vai haber “rexionalización” ou non, si esta vai ser feita en base á Superficie Agraria Útil ou atendendo a outros criterios como poden ser a poboación activa agraria ou ao peso da actividade agraria no conxunto da economía de cada territorio, ou mesmo se esta se fará tendo de conta o nivel de desenvolvemento ou se o reparto dentro do Estado se fai en base aos sectores produtivos . Outros aspectos que deben definir a posición galega teñen a ver con, si as axudas van estar ligadas a actividades produtivas e nese caso a cales (leite, carne, forraxes, etc.), así como definir os criterios para determinar as zonas con condicionantes naturais específicos ou a defensa de que Galiza conte con un Programa de Desenvolvemeno Rural propio en contra das pretensións centralistas do goberno español de que só haxa um único Programa para todo o Estado. Logo de definir a posición galega o seguinte paso a dar pasa por defender esta posición nas negociacións que se van a establecer dentro do Estado español.
A dia de hoxe non son coñecidas publicamente, nin en Galiza nin en Bruxelas, cales son as posicións defendidas polo Goberno Galego, polo que demandamos ao noso Goberno que convoque urxentemente reunións de todos os sectores afectados para definir canto antes unha posición galega a respecto das propostas de reforma da PAC 2014-2020.