Xa que as organizacións asinantes do “acordo” que veu a desconvocar a folga de entregas do leite que demandaba solucións definitivas para o sector non se atreven a amosarllo á xente, será a FRUGA (que non participou do mesmo) quen o dea a coñecer para a sua valoración.
Compostela, 17 de decembro de 2012.- Será a partir de mañá, martes, que a Federación Rural Galega inícia outra rolda de asembleas polas distintas comarcas produtoras do País para dar a coñecer, por unha banda, o acordo asinado pola Administración Autonómica, os sindicatos de obediencia estatal e a INLAC (Interprofisional láctea, formada por estes mesmos sindicatos, cooperativas agrarias e parte da industria transformadora), e pola outra, recoller as impresións dun sector que olla preocupado (cando non directamente defraudado) como se lle volta a dar unha nova “patada para adiante” a un problema, a fixación de prezos xustos para a súa produción, situación que motivou a folga iniciada o 27 de novembro, pechada en falso coa sinatura deste documento que podedes consultar aqui.
Sen novas da distribución e sen prezo
Como se pode ver o acordo asinado por UUAA-UPA, XXAA-ASAJA e SLG-COAG, un dos principais responsábeis no baixo prezo do leite en orixe, a distribución, non participou do acordo, ainda que figura entre as partes comprometidas polo mesmo. O mesmo poderiamos dicer da industria, toda vez que se descoñece o papel real do Presidente da INLAC na sinatura do acordo.
Ademais o documento en cuestión carece dun prezo mínimo fixado como tal, ou dos mecanismos para a sua fixación.
No que ten a ver co contido do mesmo e os “compromisos” acadados, ai tendes o documento para a sua lectura e análise. Vemonos nas asembleas da FRUGA, se así o queredes, para o seu debate.
Calendario de asembleas
Ainda que fican varias por confirmar, que se engadirán ao longo desta semana, achegámosvos as primeiras que se celebrarán esta semana n´A Coruña e Lugo:
Ordes: nos baixos do Concello: martes, día 18, às 12:00 do mediodía.
Urdilde (Rois): Hotel-restaurtante O Chacho (Marinovo): mércores, día 19, às 12:00 do mediodía.
Prevediños (Touro): Local Social de Prevediños: xoves, día 20, às 12:00 do mediodía.
Meira: Casa da Cultura: xoves, día 20, às 12:00 do mediodía.
Sarria: Local da CIG: venres, día 21, às 12:00 do mediodía.