FRUGA denuncia que o criterio do reparto perxudica os intereses do conxunto do sector
A Xunta mira para outro lado e consinte, mais unha vez, que Galiza saia perxudidicada nun novo reparto de fondos públicos
Lugo, 15 de Xaneiro de 2013.- O luns día 14 de xaneiro, publicouse no DOG a asignación de dereitos de pagamento único da reserva estatal, no marco do programa de reestruturación do sector lácteo. Lembremos que o pagamento único cumpre a misión de contribuir á viabilidade das explotacións e á súa pervivencia no medio rural, especialmente nas áreas nas que a produción leiteira é tradicional e ten moi poucas alternativas.
O artigo 41,3 do Regulamento europeo (CE) n.º 73/2009 do Consello de 19 de xaneiro de 2009, permite aos Estados membros facer uso da reserva de pagamento único para establecer, con amaño a criterios obxectivos e de tal xeito que se garanta a igualdade de trato entre os labregos. Pois ben, o criterio de asignación de dereitos de pagamento único da reserva no sector que fixo o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente foi en función dun principio que é inxusto e que marxina claramente ao sector leiteiro galego. O incremento final que recibirán as granxas irá en función da cota que dispoña cada unha delas: percibirán 4 euros por tonelada as granxas con cota entre 12.501 e 200.000 quilos, 5 €/Tn as que teñan entre 200.001 e 305.000 quilos, 4.5€/Tn as que teñan entre 305.001 e
500.000 quilos aínda que só polos primeiros 305.000 quilos e finalmente 4€/Tn para as que teñan máis de 500.000 quilos, neste caso tamén só para os primeiros 305.000 quilos.
O tamaño das granxas de leite no estado non é homoxéneo, a media de cota por explotación no estado na última campaña leiteira rematada, segundo o último informe anual de entregas publicado polo Ministerio de Agricultura, é de máis de 310.000 quilos, namentras que segundo a Consellería do Medio Rural e do Mar, o cota que de media teñen as explotacións de leite en Galiza é de pouco máis de 180.000 quilos.
Resumindo, a maioría das granxas galegas recibirán dereitos d e pagamento único por un importe de 4 €/Tn, namentres que no resto do estado percibirán maiormente 5 ou 4,5 €/Tn.
Desde FRUGA non compartimos o criterio deste reparto, xa que, unha vez máis, o sector leiteiro galego, con perto do 40% da produción e do 60% das explotacións, en lugar de ser que liderara a toma de decisións en política leiteira continúa a ser sistematicamente marxinada. A Xunta de Galiza, renuncia a liderar o sector lácteo do Estado Español.
En contra dos “compromisos” que a Xunta asegura ter en defensa do sector, evidencia con feitos que non escoitou o berro dos produtores de das produtoras de leite deste País.
En lugar de aproveitar o que é unha oportunidade de favorecer os intereses das granxas galegas, mira para outro lado e consinte, unha vez máis, que Galiza saia perxudidicada nun novo reparto de fondos públicos, en definitiva, a Xunta non defende os intereses do sector leiteiro galego.