Grande expectación nas comarcas produtoras para coñecer un documento que as propias forzas asinantes evitan dar a coñecer
Os gandeiros e gandeiras din sentirse estafados polos sindicatos sistémicos
Alerta polos cambios que propón o Goberno do Estado en relación à data de caducidade de determinados produtos, especialmente os lácteos
Compostela, 18 de xaneiro de 2013.- Nas últimas datas a Federación Rural Galega ven de desenvolver unha ampla campaña informativa nas principias comarcas produtoras de leite do País para, entre outras cousas, dar a coñecer o documento asinado pola Xunta e as organizacións agrarias pactistas operantes na Galiza. Sorprendentemente foi FRUGA a primeira organización en dar a coñecer os contidos deste documento, toda vez que ningún dos asinantes o estivo a facer; é mais, nos últimos días estanse a suceder declaracións en distintos medios de comunicación do secretario xeral do principal sindicato da “triada” reclamando un novo acordo, o que indica sen lugar a dúbidas que o asinado foi simplemente unha saída a unha folga de entregas que ameazaba con escapar do seu control.
Indignación xeralizada
Se algo puido constatar a FRUGA é a grande indignación que espertou no sector coñecer de primeira mao e sen filtracións interesadas un documento que inclúe acordos que afectan tanto á distribución como ás empresas transformadoras, mais que non contan coa súa sinatura, polo que non pode cualificarse doutro xeito que non sexa o de “papel mollado”. Ademais o propio acordo é unha renuncia en toda regra da Administración a liderar, como non podería ser doutro xeito, a política leiteira da Galiza (coa conformidade dos outros asinantes), mandando a “pelota” ao tellado do Ministerio Agricultura para que sexa Madrid quen decida o futuro do leite galego.
Preocupación polos cambios na normativa sobre a caducidade dos produtos lácteos
As recentes declaracións de Arias Cañete a respecto dos cambios normativos que afectan á caducidade de determinados produtos (nomeadamente os lácteos) desata as alarmas e fai desconfiar sobre a finalidade real destes cambios. Así, e co argumento de que se están a tirar toneladas de produtos que poderían ser aínda consumidos, alegando o período de crise no que nos atopamos, a intención última que podería estar agochando o PP seria criar un novo escenario favorable a que as empresas volvan baixar os prezos co pretexto de que “sobra leite” ao aumentar o prazo de consumo dos produtos elaborados. É por isto que haberá que estar especialmente atentos aos movementos que se podan dar nas próximas semanas e as decisións que tomen Ministerio e Axencia española de Seguridade Alimentar.