Alimentos Lácteos, impulsada pola Xunta, converte a Núñez Feijoo en cómplice da situación actual
FRUGA segue a apostar un verdadeiro Grupo Lácteo Galego de base cooperativa e con participación pública
Lugo, 30 de Xaneiro de 2013.– A empresa Alimentos Lácteos (AALL) ven de solicitar un preconcurso de acredores, deste xeito vanse confirmando as voces que denunciaban que este proxecto no foi proxectado nen dirixido dun xeito responsable. Desde 2009, cando Pascual puxo en venda a planta de Outeiro de Rei, a Federación Rural Galega-FRUGA ven denunciando os interes partidistas do Partido Popular á hora de fomentar a creación de AALL vetando outras ofertas que había no seu momento.
Temos que lembrar que a empresa AALL foi resultado da mediación da Xunta de Galiza de Núñez Feijoo con Pascual, por iso, a Federación Rural Galega-FRUGA reclámalle ao presidente da Xunta que asuma responsabilidades para resolver a situación critica na que se atopa a sociedade “Alimentos Lácteos” e, por extensión, as cooperativas que a integran, por tratarse dun proxecto dirixido e imposto polo Partido Popular que no seu día e contra a vontade do sector, promoveu a Xunta.
É urxente a depuración de responsabilidades políticas (e penais se as houbera) e a realización dunha auditoría económica para coñecer como se xestionaron os cartos, posto que falamos dunha sociedade impulsada e participada, dalgún xeito, pola propia Xunta, na que se fixo un forte investimento público. A transparencia dos fondos públicos debe ser máxima, sexa en Galiza ou sexa en Suíza.
A Xunta non pode deixar ao cooperativismo agrario galego cunha frustración e cunha débeda en momentos tal difíciles para o sector. Xa está ben de que só teñan apoios os bancos.
Exiximos que se paguen as débedas que se lles deben aos produtores e produtoras de leite que lles subministraban materia prima a AALL. Tamén demandamos que se reflote o proxecto tendo en conta as necesidades do propio sector e creando, dunha vez por todas, un verdadeiro Grupo Lácteo Galego de base cooperativo e con participación pública. Galiza precisa dun sector transformador propio para contribuir a equilibrar a cadea de valor do leite.