FRUGA reúnese co BNG para transmitirlle a necesidade de mudar os orzamentos da xunta para o 2013 porque afondarán na crise do medio rural

O nacionalismo cifra en 10.000.000 Euros o orzamento necesario para dar forma ao Grupo Lácteo

Con este encontró inicia-se a rolda de contactos coas formacións políticas representadas no Parlamento

Compostela, 31 de xaneiro de 2013.-  FRUGA e o BNG mantiveron unha reunión, no Grupo parlamentar nacionalista, ao fin de analizar as diferentes partidas e recortes recollidos nos orzamentos do 2013 presentados pola Xunta no que respecta ao mundo rural.

A delegación de FRUGA formada por membros da súa dirección nacional estaba encabezada polo seu presidente Xurxo Álvarez e o seu coordinador executivo Manuel Dacal, por parte do BNG participaron Tereixa Paz, deputada responsábel de asuntos agrarios do BNG e Cosme Pombo, deputado por Lugo

Para FRUGA é preciso cambiar en profundidade os orzamentos presentados polo PP para poder facerlle fronte aos retos que o mundo rural galego ten na actualidade. De continuar tal e como están deseñados actualmente suporán un duro golpe para o sector agrogandeiro galego.

Como exemplos a destacar a rebaixa de 2 millóns de euros no saneamento animal,  case un millón de euros menos para producións en extensivo, 390.000 euros de redución para as razas autóctonas. A maiores, as axudas para melloras de explotacións serán rebaixadas en 3 millóns de euros, a mobilidade de terras en 300.000 e o sector do viño manterase na mesma franxa que no ano 2009.

Sobre o sector forestal é claro o desleixo da Xunta á hora de por en valor o monte galego, “destinan 1.200.000 euros para helicópteros e 9.000.000 para cultivos enerxéticos e abandonan a prevención dos incendios forestais” porque o monte segue a estar ao “servizo das multinacionais” indicou Xurxo Álvarez.

FRUGA propúxolle ao BNG presentar emendas para evitar todos estes recortes e  acadar unha nova orientación aos orzamentos  da Xunta, para que apoien os sectores produtivos e non unicamente deixar o noso rural para a plantación de eucaliptos de ciclo corto para biomasa como pretende o PP. Esta proposta foi recollida positivamente por parte do BNG.

Grupo Lácteo Galego

Por outra parte, por parte das dúas organizacións vese como fundamental neste momento a promoción dun Grupo Lácteo Galego como imprescindible para facerlle fronte á crise do sector leiteiro galego. Para FRUGA si Galiza produce, Galiza ten que decidir. Decidir prezos e condicións que garantan a viabilidade das granxas galegas, e para iso é preciso ter unha industria galega potente, e hoxe iso só se poderá lograr cunha aposta decidida da administración pública que leve consigo a aportación de capital público para lograr ese tan necesario Grupo Lácteo Galego.