A Alianza, formada pola FRUGA, CIG, ADEGA e ORGACCMM, pretende dar resposta á vaga de proxectos mineiros auspiciados pola Xunta do PP, que atentan seriamente contra o territorio e especialmente contra o medio rural e as suas xentes
O manifesto será o ponto de partida para dar unha resposta Galega e Popular contra a mineria salvaxe
Compostela, 14 de marzo de 2013.- Na mañá de onte presentábase publicamente o manifesto que desde a Alianza Rural Galega serve de ponto de partida para dar unha resposta nacional à intención da Xunta de convertir Galiza nunha grande explotación mineira a ceo aberto.
Un modelo colonial e altamente contaminante
Que ademais non ten en conta @s veciñ@s, lexitim@s propietarios dos terreos, nen respeita a actividade agraria, gandeira e forestal que se está a desenvolver no territorio onde se pretetenden desenvolver eses proxectos.
Asi o manifesto onte apresentado n´A Coruña, estructurado en 10 pontos básicos, será agora apresentado socialmente nas distintas comarcas afectadas, buscando aglutinar a oposición a este modelo mineiro e reclamando o direito do pobo galego a decidir sobre o aproveitamento do noso subsolo e a sua reversión económica na Galiza. Nada que ver co modelo que pretende impor o Partido Popular, no que as licencias de explotacións son “regalada” a grandes empresas trasnacionais, financiadas por capital especulativo e mesmo subsídios da propia Xunta, que pretenden arrincar das entrañas do noso País as nosas riquezas para especular con elas na bolsa de Montreal.
Aqui tendes o manifesto apresentado onte:
MANIFESTO POLO APROVEITAMENTO SUSTENTÁBEL DOS RECURSOS XEOLÓXICOS E CONTRA A MINARÍA CONTAMINANTE
Os recursos xeolóxicos poden ser considerados como non renovábeis a escala humana e, portanto, cómpre asegurar que o seu aproveitamento non comprometa o acceso das xeracións futuras a estes recursos e aos demais usos do solo.
Para garantir o uso racional dos recursos xeolóxicos de xeito que non se comprometa o equilibrio e a dinámica dos ecosistemas, procurando a conservación da biodiversidade e o medio físico e humano, cómpre previr e limitar os efectos nocivos das actividades mineras e promover a sustentabilidade ecolóxica, económica e social do seu aproveitamento e minimizar os seus riscos ambientais.
A minaría a ceo aberto e a fractura hidráulica ou “fraking” son actividades de moi graves impactos sobre o territorio, o medio ambiente e sobre os distintos usos do solo. A actividade extractiva e de transformación dos recursos xeolóxicos, e particularmente a minaría metálica, consome tamén grandes cantidades de enerxía e agua e manexa substancias tóxicas que como o cianuro poden ter graves consecuencias para o ambiente a saúde das persoas. Polo que atinxe ao “fraking”, ou obtención de gas natural mediante fractura hidráulica profunda, podería supor unha das maiores agresións contra o ambiente e a saúde das persoas polo uso masivo de substancias tóxicas e a contaminación do solo e dos acuíferos.
Moitas das materias primas que se tiran da actividade mineira, particularmente os metais e elementos tecnolóxicos pódense obter mediante a reciclaxe. As técnicas de extracción a partir de aparellos usados e outros bens de consumo son cada vez máis eficientes e permiten diminuir a dependencia da minaría extractiva. A reciclaxe destes metais tecnolóxicos nos países industrializados forma parte da corresponsabilidade destas sociedades para coa xestión dos recursos naturais e contribúe a diminuir a dependencia dunhas materias primas cuxa extracción causa graves perxuízos sociais e ambientais nos países de orixe.
No eido socioeconómico, a explotación dos recursos mineiros e particularmente dos metais, está controlada por grandes empresas transnacionais que operan baixo criterios especulativos aplicando prácticas neocoloniais: O alto prezo destas materias primas nos mercados internacionais pola demanda tecnolóxica fai moitas veces que e as técnicas de explotación e os métodos de extracción non sexan os millores técnicamente nen os que menos impactos producen, senón os que xeran menos custos e permiten un beneficio máis rápido ás empresas. Deste xeito, cando as empresas mineras marchan deixan enormes pasivos ambientales e sociais que degradan o ambiente, deterioran a saúde e a calidade de vida das poboacións das áreas mineiras e impiden outros aproveitamentos económicos.
Neste mesmo senso, o aproveitamento de determinados recursos mineiros de capital importancia para o desenvolvemento das sociedades actuais debería ser considerado estratéxico polas administracións, diferenciándoo da explotación doutros materiais que non teñen a importancia económica e tecnolóxica daqueles. En todo caso, Administración Pública, através do Consello da Minaría de Galiza, deberá tutelar o aproveitamento destes recursos para garantir a sustentabilidade ambiental e social dos proxectos.
Por todo o anterior, as entidades asinantes deste documento manifestamos que,
1. Os recursos xeolóxicos deben ser usados de forma eficiente para satisfacer as necesidades da poboación e non os intereses das empresas, sendo a prevención e o control da demanda prioritarios sobre a produción. A participación da sociedade na elaboración, deseño e execución da política mineira debe garantirse criando con urxencia o Consello da Minaría de Galiza, tal como establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaría.
2. Non debería aumentar a extración de susbstancias da codia terrestre se estas materias primas poden ser beneficiadas mediante a recuperación e a reciclaxe.
3. A extracción destas materias primas débese facer atendendo ás millores técnicas dispoñíbeis en función do seu impacto sobre o ambiente e a saúde, e aplicando os principios de Precaución e Mínima Exposición.
4. O aproveitamento dos recursos xeolóxicos terá que ser compatíbel coa protección do medio ambiente, do patrimonio histórico-arqueolóxico e cultural, cos usos actuais do solo e vencellados á economía da zona. No caso de incompatibilidades, prevalecerán estes últimos sobre os aproveitamentos mineiros.
5. O aproveitamento destes recursos non debe empobrecer os sistemas agroforestais nen alterar os ecosistemas naturais. Débese prohibir o seu beneficio en chan rústico de especial protección forestal e agropecuaria, así como en chan de protección de espazos naturais, augas e costas e dentro dos espazos naturais protexidos pola lexislación galega, estatal, europea e internacional.
6. Débese prohibir a extracción de minerais metálicos e outros elementos tecnolóxicos polo sistema de ceo aberto. O uso do cianuro queda prohibido en todo caso, así como o emprego de substancias perigosas ou metodoloxías que poidan poñer en risco a saúde ambiental e cidadá se non existen alternativas. A este respeito, as técnicas de “fracking” non estarán permitidas en todo o territorio galego, incluida a plataforma continental.
7. Todos os xacementos de susbtancias minerais metálicas e elementos tecnolóxicos existentes no subsolo de Galiza, incluindo a plataforma continental, deben considerarse estratéxicos para o país. A participación das administracións no beneficio neto das empresas concesionarias no debería ser inferior ao 20%. Os recursos obtidos pasarán a integrar un Fondo de Compensación Ambiental e Social e xestionaranse consonte ao establecido no punto 11.
8. Non se poderán conceder permisos de exploración, investigación e explotación mentras non se elabore o Plano Sectorial das actividades extractivas e se constitúa o Consello da Minaría de Galiza, segundo establece a Lei 3/2008 de Ordenación da Minaria. Consecuentemente, suspenderanse todos os permisos e concesións en tramitación. Non se poderá conceder ningún permiso de explotación sen un acordo favorábel e por escrito de cando menos o 75% dos titulares das terras afectadas pola explotación.
9. Os responsábeis das concesións deberían contar, antes do inicio da actividade, cun seguro ou garantía de cobertura con entidade suficiente para garantir o pago dos custos e indemnizacións xeradas por eventuais accidentes. As administracións deberían constituir ademais un Fondo de Restauración Ambiental integrado con aportacións das empresas concesionarias, por un importe mínimo equivalente ao 5% do total do investimento, e que estaría destinado a garantir os custos da reparación do medio afectado pola actividade mineira, logo de rematada esta.
10. Os beneficios obtidos polas administracións derivados das actividades mineiras autorizadas, a teor do exposto no punto 7, adicaranse en primeiro lugar á millora ambiental e socioeconómica das comunidades nas que de desenvolvan proxectos de explotación. En segundo lugar, adicaranse a proxectos dinamizadores do medio rural. En ambos os dous casos a aplicación destes orzamentos será anual ou bianual.
Galiza, primavera de 2013
ADEGA, CIG, FRUGA, ORGACCMM