Concentración en Lugo exixindo solucións aos impagos de Alimentos Lácteos

Será diante da delegación da Xunta en Lugo, este venres, às 12:30
Lugo, 19 de marzo de 2013.- A empresa Alimentos Lácteos (AALL), constituída en decembro de 2009, recoñece perdas de 15 millóns de euros, débeda acumulada nun tempo récord, xa que conta con só tres anos e tres meses de vida, é dicir, AALL acumula perdas de case 400.000 €/mes. Neste tempo,  a Xunta de Galiza concedeu a AALL axudas públicas por un importe de 9 millóns de euros.
Estas débedas de AALL teñen graves consecuencias para o sector produtor: a perto de 1000 produtores/as que entregaban o leite ás cooperativas que forman parte de AALL se lles debeda diñeiro polo leite subministrado.
Ante esta situación, FRUGA exixe que se depuren responsabilidades, que se realice unha auditoría e que se aclaren a onde foi o diñeiro que se lle deu AALL. Do mesmo xeito, isto converte ao presidente Núñez Feijoo en responsábel da situación ruinosa da empresa, por iso, a Xunta de Galiza debe responder politicamente sobre o uso deses 9 millóns de euros de cartos públicos que se lle entregaron a AALL.
Ante a indefensión na que se atopan os produtores/as aos/ás que se lles debedan cartos, a Federación Rural Galega-FRUGA, convoca unha concentración diante da delegación da Xunta de Galiza en Lugo para o venres día 22 de marzo ás 12:30 para exixir que se aclare a situación e denunciar os abusos cometidos ata o de agora.