Unha delegación de afectados/as solicitou unha entrevista coa conselleira de Medio Rural e do Mar pedindo explicacións e que se se depuren responsabilidades
Lugo, 22 de Marzo de 2013.- Hoxe pola mañá celebrouse diante do edificio administrativo de Lugo unha concentración de gandeiros/as afectados polos impagos derivados da “quebra técnica” da empresa Alimentos Lácteos (AALL).
Dos 15 millóns de euros que débedas que recoñece ter Alimentos Lácteos, unha parte corresponde ao leite que se lles adebeda aos produtores/as que subministraban leite ás cooperativas que forman parte de AALL, impagos que pode chegar aos catro meses.
FRUGA e unha representación de gandeiros/as afectados/as, presentaron hoxe unha solicitude de urxencia de entrevista coa conselleira do Medio Rural e do Mar para facerlle chegar directamente a súa preocupación ante a grave situación na que se atopa Alimentos Lácteos.
Os/as labregos/as afectados/as estanse a mobilizar e a loita continuará ata que consigamos o cobro dos cartos que se lles adebedan. Igual que os afectados pola estafa das preferentes e subordinadas non pararán ata que consigan que se lles devolvan o que é seu, os perxudicados do que xa se coñece como as “preferentes do rural”, non se deterán ata que recuperen o que se lles adebeda.