Por ser un Proxecto de Lei centralista e ultra-neoliberal
Nega à Galiza calquer capacidade de negociación
Compostela, 26 de marzo de 2013.- Nestes días está de actualidade o “Proxecto de Lei de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentar”, tanto polo posicionamento unánime dos grupos parlamentares do Parlamento Galego ao respecto do mesmo, como polos debates que están tendo lugar nas Cortes de España.
O Partido Popular continuando coa súa campaña recentralizadora e uniformadora, a todos os niveis e en todos os sectores, presenta esta Lei co fin de ir apropiándose das exiguas competencias que en agricultura, neste momento, teñen as comunidades autónomas, entre elas Galiza.
Con este texto inviabílizase a posibilidade de Galiza contar con un ámbito propio de negociación, xa que o importante para esta lei está en garantir a unidade de mercado; por suposto que español. A necesidade de Galiza contar con instrumentos de negociación é un asunto de moita importancia en sectores fundamentais como o do leite, ao ser Galiza a primeira potencia produtora de todo o Estado español. Se Galiza produce, Galiza debería poder decidir.
Outra mostra mais da súa teima uniformizadora, témola cando nesta lei se pretende controlar os distintos laboratorios agroalimentares; “ao obxecto de optimizar recursos, promoverase a especialización dos laboratorios”, reza a disposición adicional segunda, punto catro. Co que o laboratorio interprofesional lácteo galego, o primeiro en se constituír en todo o Estado pode acabar dependendo do laboratorio de Cantabria, do que xa hai síntomas deste proceder.
Por outro lado este é un Proxecto de Lei carente de contido e sen capacidade reguladora. Todo o sector produtor esperaba unha lei que servise para marcar claramente as regras polas que se terían de regular as relacións entre os distinto elos da cadea alimentar: sector produtor, transformador, comercial e distribuidor, e sobre todo no que ten a ver con a determinación dos prezos a percibir por parte do sector produtor.
Lonxe desas expectativas, esta Lei todo o deixa en maos da “libre competencia”, da “boa fe” ou da “autoregulación”. O instrumento habilitado é o chamado “Código de boas practicas na contratación alimentar”, de adhesión voluntaria e que só será de obrigado cumprimento para os operadores que se teñan adherido. En ningún momento se contempla regular as relacións entre o sector produtor e transformador, no sentido de impedir pagar, polos produtos fornecidos, por baixo dos custes de produción, nin que se podan efectuar vendas a perdas, como ten pasado tanto nun caso como noutro co leite.
É polo tanto un brinde ao sol, no que non se establecen mecanismos de intervención por parte da administración para garantir o cumprimento das boas practicas de contratación, fiando todo à boa fe, à liberdade de pactos ou à libre competencia no mercado. Visión ultra-neoliberali da economía que é a causante da crise que estamos a padecer.