Máis unha vez, exixíronselle a Núñez Feijoo explicacións polo fracaso político e económico do proxecto.
Lugo, 8 de abril de 2013.- Este pasado venres, afectad@s pola situación de extrema gravidade da empresa Alimentos Lácteos (AALL) concentráronse diante da delegación da Xunta de Galiza en Lugo. Despois da concentración da semana pasada convocada por FRUGA e protagonizada por gandeiro/as afectados/as polos impagos de AALL, desta volta foron os traballadores da planta de Outeiro de Rei os que piden exactamente o mesmo: solucións e responsabilidades ao presidente Nuñez Feijoo.
Ante o previsible concurso de acredores da empresa AALL, moitas son as familias afectadas que poden ser estafados ante o estoupido dun proxecto que, coa complicidade da Xunta de Galiza, vai camiño de converterse nun fracaso político e económico de
consecuencias desastrosas.
FRUGA lamenta que a Conselleira do Medio Rural e do Mar non respondera á solicitude de entrevista presentado co aval de produtores/as que subministran leite a AALL e que se adebedan cartos. Namentres, desde a Xunta de Galiza non atopamos máis que silencio, tal vez o presidente Feijoo estea máis preocupado por negar os paseos en iate cos seus amigos nas Rías Baixas que en dar solución aos problemas reais da xente.
Con esta actitude de colaboración primeiro e agora de “deixar morrer” o proxecto AALL, dentro do contexto no que se atopa o rural galego en xeral e o cooperativismo agrario en particular, o presidente Feijoo, de confirmarse o peche de AALL, volve a poñer trabas ao sector lácteo galego: por unha banda fai de enterrador do cooperativismo agrario galego e por outro pon “paos na roda” para que Galiza avance cara unha maior transformación do leite que producimos.