A Xunta de Galiza vese obrigada a rectificar e reactiva as axudas às Razas Autóctonas en réxime extensivo do ano 2012

Os recursos presentados por gandeiros/as afectados/as dentro da campaña realizada pola Federación Rural Galega-FRUGA ve os seus froitos


Lugo, 17 de abril de 2013.-  En abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) no goberno bipartito, sacaba unha liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea: unha aposta por unha produción de alimentos sans e de calidade. Deste maneira a CMR e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos unha serie de compromisos. Por unha banda os gandeiros/as comprometíanse a cumprir medidas relacionadas coa hixiene e a sanidade animal, co correcto mantemento da superficie agraria e coa propia orientación da recría nas granxas, fomentando así as razas autóctonas. Por outra banda, a CMR comprometíase ao pago de 156 € anuais por animal reprodutor.
O Partido Popular, unha vez que asumiu o goberno galego, dado que non podía eliminar estas axudas, comezou un constante recorte dos importes que reciben os labregos/as. Sirva como exemplo a campaña 2011, onde o retallamento chegou de media ao 45% do acordado inicialmente. Pero a cousa non quedou aí, senón que no ano 2012, último dos cinco exercicios do programa, e despois de que os solicitantes xa tiveran cumprido coas súas obrigas, o executivo de Núñez Feijoo decidiu unilateralmente eliminar a anualidade de 2012. Todo parecía indicar que isto ía ser un novo ataque ao rural ao que o PP, por desgraza, estase a converter en todo un experto.
FRUGA, nese intre, iniciou unha campaña en solitario nas principais comarcas afectadas. A mobilización do sector, xunto coa presentación de recursos de reposición por parte de gandeiros/as afectados/as onde se exixía á Consellería do Medio Rural e do Mar que rectificara e que se fixeran efectivos os importes destas axudas, deron resultado e forzaron ao Partido Popular a mudar de opinión.
Con este intento de eliminar unha axuda máis ao sector agrario, semella que o executivo de Núñez Feijoo pretende facer unha “detonación controlada” do sector de vacún. Esta axuda orienta a produción de carne cara dúas potencialidades que envexan noutras zonas produtoras: as nosas razas e os nosos pastos. Desaproveitar as nosas potencialidades, tal e como fai a Xunta, é unha irresponsabilidade: por que renunciar a producir unha carne de excelente calidade dun xeito que en poucas áreas xeográficas se pode facer e así marcar distancias cos nosos competidores dereitos?
Desde FRUGA, primeiramente valoramos positivamente a reacción dos labregos/as afectados/as. Do mesmo xeito, rexeitamos á actuación desta Xunta de Galiza coa súa actitude de “se cola, cola”. De non ser pola presión feita polo sector de vacún de carne, agora contaríase con un recorte máis nunha actividade onde os custos de produción seguen disparados e os prezos da carne seguen estancados desde fai décadas. FRUGA seguirá atenta, e de haber novos intentos de máis recortes ao sector agrario galego, terán a súa resposta.