Gandeiros/as e persoal de FRUGA avaliaron no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (C.I.A.M.) as novidades forraxeiras na redución de custos de produción
Lugo, 22 de abril de 2013.- As granxas de vacún galegas amosaron nas últimas décadas unha grande capacidade de adaptación, aí é onde se atopa a súa principal fortaleza, e por iso é un sector con futuro.
O encarecemento dos custos de produción, principalmente o derivado da suba dos cereais, sumado á próxima reforma da PAC, que enfocará as axudas en base á superficie, fai que a extensificación e o aumento da produtividade da terra sexan dúas cuestións nas debamos afondar. O Partido Popular, contrariamente aos intereses do sector, continúa a mirar cara outro lado ante as súas necesidades; sirva como exemplo a súa actitude ante a falta de terra agraria que padece Galiza: cando recuperou o goberno galego freou, ata case parar, unha ferramenta que comezaba dar os seus resultados: o Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL).
Desde FRUGA pensamos que un sector dinámico como é o de vacún, precisa de estímulos desde diferentes puntos de vista, tamén desde o formativo. FRUGA, en colaboración co CIAM, organiza un plan formativo desde o ano 2012, desta volta organizou unha nova visita ao centro onde nos atendeu un grupo de investigadores coordinado por Gonzalo Flores e no que interviron Cesar Resch, Juan Valladares e Bruno Fernández.
Nesta xornada primeiramente avaliáronse os resultados dos últimos ensaios que se están a levar a cabo no CIAM no sector de vacún: en pastoreo analizouse a produción de leite rico en antioxidantes a partir da composición das pradeiras, no tocante a producións máis intensivas valoráronse os resultados do uso de inoculantes protosintéticos na mellora dos ensilados.
Seguidamente visitáronse os ensaios de cultivos con distintas especies de leguminosas anuais e as súas mesturas con raigrás en rotación con millo ou sorgo forraxeiro. Coas diferentes opción que nos dan estes cultivos, pódense acadar reducións de custos nas explotacións por dúas vías: conseguindo ensilados cun maior porcentaxe de proteína, o que incide nunha necesidade de compra de cereal con alto contido en proteína como a soia, e tamén reducindo o gasto en adubo mineral xa que se empregan plantas que son capaces de fixar nitróxeno directamente no solo.
A valoración xeral desta experiencia foi moi positiva tanto polos gandeiros como polos propios investigadores do CIAM, xa que se consegue algo moi importante, que é a transferencia dos avances no campo da investigación agraria punteira en Galiza ás granxas galegas.