A Alianza Rural Galega inicia unha campaña informativa e mobilizadora contra o proxecto da minaria do ouro na Montaña de Lugo

 

 

A FRUGA apresentou tamén no dia de onte as súas alegacións ao Plano Sectorial de Actividades Extractivas de Galiza, baseadas no Manifesto asinado pola Alianza

Apresentadas tamén alegacións ao proxecto “Julia 2” en Bergatiños

Na noite do xoves celebrouse unha xuntanza informativa en Becerreá, un dos catro concellos afectados

Lugo, 15 de xuño de 2013.- Galiza está a sufrir as embestidas dunha das vertentes máis salvaxes do capitalismo: a da minaría a gran escala, contaminante e destructiva. Esta actividade sostense baixo unha relación colonial: o beneficio marcha cara grupos de inversión foraneos namentres no territorio queda a desfeita e a contaminación que lastra o seu desenvolvemento do propio territorio durante xeracións.

A Xunta de Galiza abríu as portas á explotación dos nosos recursos xeolóxicos ás grandes transnacionais da minaría dun xeito abraiante, serva como exemplos a campaña informativa da Consellería de Industria “A minaría forma parte da túa vida”, onde se chega a afirmar que “Galiza é unha mina”, as subvencións de fomento ao sector mineiro ou as propias axudas directas que reciben as propias empresas mineiras.

A Alianza Rural Galega, formada por ADEGA, FRUGA, CIG e Organización Galega de Montes Veciñais (ORGAMMVV) comezou unha campaña informativa en relación á solicitude de permiso de exploración mineira Lago II, solicitado pola empresa canadiana LUNDIN MINING CORPORATION a través da súa filial GOLD QUEST IBÉRICA, e que abarca unha superficie de case 12.000 Ha nos concellos de A Fonsagrada, Baleira, Baralla e Becerreá.

Este proxecto procura diversos minerais, aínda que o principal interese semella ser o ouro e que podería supoñer un tipo de extración a ceo aberto que precisa mover toneladas de material para recoller uns poucos gramos de ouro, á vez que consume grandes cantidades de auga por un lado e crea enormes balsas de auga contaminada con minerais altamente tóxicos, e incluso mortais, como son o arsénico e o cianuro.

De aprobarse este proxecto de exploración, suporía a degradación dunha área incluída en dúas Reservas da Biosfera cun importante valor ambiental, a de Río Eo-Os Oscos-Terra de Burón e a de Terras do Miño, cun importante risco de contaminación, xa que un verquido afectaría ás cuncas do Miño e do Eo.

Tamén suporía un risco para o sector agrogandeiro, verdadeiro motor dos concellos afectados e que entrarían en competencia directa pola terra e pola auga para manter a súa actividade, que por outra parte, é a principal ferramenta de fixación de poboación e de loita contra os incencios forestais.

Sobre os empregos que as empresas mineiras prometen, que sempre son menos dos que realmente son, duran o tempo que está aberta a mina, 15, 10 o incluso 5 anos, a cambio de destruir emprego noutros sectores como o agrario, o turístico ou de servizos durante moitos máis anos.

Desde a Alianza, a través desta campaña informativa sobre a minaría na montaña de Lugo, distribuíndo modelos de alegacións entre as persoas interesadas, insta a que mostren o seu rechazo a este proxecto tanto organismos públicos como outras organizacións e tamén persoas particulares. Do mesmo xeito, seguiremos con esta campaña ata que, como xa aconteceu noutros proxectos mineiros, a Xunta de Galiza dea marcha atrás, rectifique e non continúe dando o visto e prace ao saqueo do País.