FRUGA exixe o mantemento das axudas para a contratación de seguros agrarios por parte da Xunta de Galiza

O custe da mesma póliza pasa a multiplicarse por 3 ou por catro con respecto ao ano pasado

Ademais de chegar con retraso, a orde que regula as axudas continua a retallar o seu orzamento, e xa van 1,3 millons de euros menos desde que o PP chegou ao Governo

Lugo, 19 de xuño de 2013. – Na aprobación do Plan de Seguros Agrarios Combinados para o exercicio 2013 e a Resolución da Subsecretaria do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 27 de marzo polo que se aproba una modificación do Plan, ponse de manifesto un importante recorte das subvenciones por parte do estado que se sitúa no entorno do 20% (pásase de 246,13 millóns de euros no 2012 a 199,18 millóns de euros no 2013 no seu computo xeral, e que en casos como o da recollida de cadáveres, cunha especial incidencia na Galiza, sofren un recorte de 18,5 millóns de euros).
A esta importante baixada nas axudas por parte do estado temos que sumarlle as recentemente anunciadas por parte do goberno galego na orde correspondente publicada. O primeiro que temos que sinalar é que esta orde de axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios na Galiza ven con CINCO MESES de atraso, xa que durante os últimos anos publicábase, como é normal e necesario, no mes de decembro de cada ano, e así entrar no novo ano co coñecemento das axudas existentes. Pois ben, nesta orde o orzamento dispoñíbel é de 6 millóns de euros, o que significa unha baixada de MEDIO MILLÓN de euros co respecto ao ano 2012 e de 1 millón 300 mil euros a respecto de cando entrou o PP no goberno galego.
Todas estas baixadas están tendo unha repercusión directa nos custes que as explotacións galegas teñen que soportar. Así por exemplo, unha explotación con 15 vacas adultas e 8 xovencas, pagou, no ano 2012, 490 € por un seguro que cubría partos, saneamento e accidentes. O mesmo seguro neste ano 2013 ten un custe de 1.670 €, isto é, 1.180 € máis, un 350% de incremento!!!!!. A mesma explotación conta cun cebadeiro de becerros polos que pagou no 2012, por un seguro de accidentes, 20 € por cabeza, e este ano súbelle a 34,50 € por cabeza, un 72,5% máis.
Dende a Federación Rural Galega-FRUGA estamos enormemente preocupados e molestos polo recorte acometido polo goberno galego nas axudas ao fomento da contratación de seguros agrarios. Recortes que unidos aos xa acometidos polo goberno do estado, poñen en grave perigo a sustentabilidade de moitas explotacións agrarias galegas nun momento no que a súa situación xa é extremadamente delicada.
Tendo en contas os antecedentes que supuxo o encarecemento dos seguros agrarios o ano 2012 e que supuxo en torno a un 30% menos de pólizas subscritas, desde FRUGA, tememos que, outras moitas máis deixen de contratar seguros este ano, co que a súa debilidade e exposición a maiores riscos de supervivencia incrementarase.
Por todo isto, dende a Federación Rural Galega-FRUGA, pedímoslle á Xunta de Galiza que valore as repercusións tan negativas que sobre o agro galego e a súa viabilidade van ter estes recortes, e exixímoslle que volva a recuperar, cando menos, o nivel de apoio que prestou no 2012 ao sistema de contratación de seguros agrarios. Tamén demandamos á Sra. Conselleira do Medio Rural e do Mar que exerza como tal e que reclame ao Ministerio que revise os recortes que pretende aplicar e que perxudican ao noso sector agrario, tal e como xa fixo, por certo, o conselleiro de agricultura catalán.