Elaborouse un documento que recolle as demandas do rural galego e que deben ser defendidas na negociación da reforma da PAC a nivel estatal.
Lugo, 20 de xullo de 2013.- Unha vez que se ten chegado a un acordo a nivel europeo sobre a reforma da Política Agraria Común (PAC), agora é o turno de que cada Estado membro da Unión Europea (UE), desenvolva esta norma segundo os seus criterios.
A Federación Rural Galega-FRUGA, desenvolveu este sábado en Lugo a xornada de traballo “Construíndo a posición galega ante a nova PAC” de cara aos debates que se van producir para fixar definitivamente a norma en cada estado. É evidente que o mundo rural galego ten que elaborar unha proposta clara e concreta para defender os nosos intereses como pobo neste debate tan fundamental para o noso futuro. Temos que construir un marco galego de decisión, non podemos permanecer como espectadores e agardar que outros determinen as orientacións dentro do estado español da nova PAC, de facer iso é evidente que o rural galego sairá claramente perxudicado.
Un numeroso grupo de organizacións e persoas vinculadas ao medio rural atenderon á chamada para a participación aberta feita por FRUGA, aportaron as súas visións e colaboraron na redacción dun documento que sintetiza as demandas que o rural galego exixe que sexan defendidas polo goberno galego na negociación estatal.