Hoxe mesmo reúnese o CR “Rias baixas”, onde a FRUGA insistirá na inclusión dos prezos nos contratos desta DO
Compostela, 30 de xullo de 2013.- Diante das reiteradas apelacións por parte de responsables da Consellería de Medio Rural e do Mar sobre unha suposta prohibición por parte da lexislación sobre “Competencia”, (referida á “Comisión Nacional de la Competencia, ou na propia “Ley 15/2007, de 3 de julio, de Defensa de la Competencia”), a FRUGA considera totalmente carentes de base xurídica as ditas afirmacións que se empregan para xustificaren a eliminación do prezo mínimo na proposta de contrato homologado para a uva do Ribeiro.
O Secretario Xeral de Ms exercita unha clara manobra de deturpación da lexislación estatal e comunitaria sobre competencia ao negar a posibilidade da existencia dun acordo concertado entre empresas e viticultores para fixar un prezo nunha Denominación que limita significativamente a orixe e características da materia prima, e que supón na práctica un acordo de “importancia menor”. A lexislación comunitaria e estatal sobre competencia establece claramente exclusións do ámbito de prohibicións e limitacións aos ámbitos que pola súa dimensión, o Ribeiro supón menos do 0,2% da produción de uva do Estado, resultan totalmente insignificante a súa influencia no ámbito do mercado dentro do Estado.
Por tanto, desde a FRUGA considera inverosímil que os servizos xurídicos da Consellería do Medio Rural e o Mar asesoren “erradamente” ao Secretario Xeral, haberá outras razóns “políticas” para condicionar negativamente a consecución de acordos no Ribeiro e outras Denominacións, entre esas “razóns” puidera estar a conivencia cunha historicamente contrastada baixa disposición de certo sector empresarial do Ribeiro a asinar acordos. En todo caso a FRUGA non apoiará ningún acordo que non contemple unha referencia de prezo mínimo en atención aos parámetros esixibles de calidade e madurez, así como as lóxicas aplicacións de primas ou descontos.