Despois de participar en charlas informativas na comarca afectada, exiximos á Xunta de Galiza que aposte por modelos sustentables e que non apoate pola minaría contaminante
Lugo, 2 de agosto de 2013.– Galiza está padecendo as consecuencias de ser tratada como unha colonia dentro do sistema capitalista salvaxe que actualmente impera, onde a obtención de altos ingresos por capital foráneo nun curto período de tempo é o seu único obxectivo, independentemente dos custes ambientais, sociais e económicos que poida levar asociado.
No tocante ao aproveitamento dos nosos recursos xeolóxicos, a Xunta de Galiza, atendendo aos intereses das grandes transnacionais, abre as portas á espoliación do noso territorio permitindo o uso de métodos de extracción altamente contaminantes, e que xa están prohibidos en moitas partes do mundo, sen que as comarcas afectadas saquen proveito: a desfeita queda e o beneficio vai para fora.
Isto é o que pode acontecer na montaña de Lugo de aprobar a Xunta de Galiza a solicitude de exploración mineira Lago II, que afecta aos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá e A Fonsagrada, e que pode transformar 1.180 Ha de superficie cun alto valor ambiental, agrario e cun gran potencial de xeración de postos de traballo sustentables no tempo, nunha zona estéril durante xeracións.
Moitos dos postos de traballo que precisan este tipo de minas requiren dunha formación e especialización da que carecen a maioría dos habitantes da contorna, de feito, moitos dos traballadores son traídos pola propia empresa, que os despraza dunha explotación mineira a outra. Non obstante, os empregos xerados pola actividade agraria e forestal si que verían perigar a súa continuidade, xa que a mina entraría en competencia por recursos como a terra e a auga. A cambio da promesa de crear uns poucos postos de traballo que se manterían os anos que permaneza aberta a mina, 15, 10 o incluso 8 anos, non se debe poñer en risco o traballo asociado á actividade agroforestal existente nin afectar á súa potencialidade.
Neste proxecto mineiro búscanse diversos tipos de metais e tamén de ouro, este último podería extraerse mediante técnica a ceo aberto, que precisan mover toneladas de material para extraer uns poucos gramos de mineral e empregar grades cantidades de substancias altamente tóxicas como o arsénico, cianuro e ácido sulfúrico que son almacenadas en grandes balsas. De haber un verquido nas bacías do río Miño ou do Eo as consecuencias serían catastróficas.
Por todo o anterior, a Federación Rural Galega-FRUGA, despois de ter participado en xuntanzas informativas na zona afectada e de ter debatido coa xente do lugar, ven de presentar as alegacións oportunas exixindo á Xunta de Galiza que non de luz verde e hipoteque o presente e o futuro dunha parte da montaña de Lugo. En lugar de favorecer o expolio do País, a Xunta debería fomentar modelos produtivos sustentables que poideran manterse no tempo que son os que fixan poboación e que manteñen o rural vivo.
Podes aceder ás alegacións presentadas neste enlace: Alegación s Lago II