A XUNTA manipula a información sobre os pagamentos do Contrato de Explotación Sustentábel (CES)

A Xunta minte e fáltalle ao respecto ao sector de vacún ao loar a súa xestión no CES

Lugo, 9 de Agosto de 2013.- O Contrato de Explotación Sustentable (CES), enmárcase no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia para o período 2007-2013, destinado a mellora do medio ambiente e do entorno rural e para o uso sostible das terras agrícolas. Inclúe diversas axudas dirixidas a remunerar aos agricultores polas funcións territoriais, sociais e ambientais que se derivan de determinados sistemas agrícolas e gandeiros, pretendendo tamén reforzar a sustentabilidade das explotacións.
Un proxecto posto en marcha pola Consellería do Medio Rural do goberno do BNG, que xunto ao Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL), formaba parte dun programa integral que tiña como obxectivo a mobilización da terra e, consecuentemente, facilitar o acceso á terra ás explotacións agrarias galegas. O CES tiña unha duración de cinco anos, durante os cales os labregos/as comprometíanse a cumprir unha serie de requisitos medioambientais a cambio dunha compensación económica por parte da administración.
A chegada do Partido Popular á Xunta de Galiza en 2009 supuxo a paralización deste programa, primeiro deixando ao BANTEGAL  practicamente sen actividade e a continuación imposibilitando a formalización de novas solicitudes do CES. Debemos lembrar que o último
ano no que se aprobaron expedienes do CES foi no 2010, despois da campaña que levou a cabo FRUGA, chegando perante o Valedor do Pobo, e que supuxo que case 850 explotacións máis se sumaran ao CES.
Alén diso, os expedientes do CES xa iniciados, e que non se podían anular, sufriron continuos recortes baixo novos “criterios de interpretación da normativa” así como atrasos inxustificados nos pagamentos. Todo isto baixo cambios de política na transmisión de
información entre Xunta e labregos/as: agora xa non hai notificacións por escrito, os asinantes do CES non saben canto van cobrar nin cando, iso si, tendo que cumprir escrupulosamente os mesmos compromisos asinados inicialmente.
Recentemente, a Consellería do Medio Rural e do Mar (CMRM) emitiu un comunicado anunciando “a bombo e pratillo” anunciando a importancia das axudas do CES e gabándose de “transferir” máis de 12 millóns de euros a case 4.000 explotacións galegas, principalmente
gandeirías de vacún, tanto de leite como de carne, correspondentes aos anos 2011 e 2012.
Desde FRUGA valoramos este anuncio como dunha torpeza e dun desprezo absoluto cara o sector de vacún galego: a Xunta de Galiza rematou co CES, non admitiu novas solicitudes nos tres últimos anos, simplemente ten que continuar cos expedientes aprobados ata completar os cinco anos contemplados inicialmente. Tamén temos que lembrar que estes pagamentos correspóndense a parte das anualidades de 2011 e 2012, cando aínda quedan partes destes expedientes sen pagar e incluso algún do 2009.
A eliminación do CES faise máis incomprensible sabendo que o 57,56% destas axudas son financiadas por fondos comunitarios, e o 42,44% restante son completados con fondos da Xunta e do Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño a partes iguais, e dicir, a Administración
Galega paraliza unilateralmente o CES, “perdendo” as granxas galegas de recibir fondos europeos porque a Xunta non quere aportar o seu vinte e pouco % das axudas.
Por todo iso, exiximos à Xunta de Galiza que manteña o CES no futuro, peza clave para o mantemento da viabilidade económica de moitas granxas galegas à vez que denunciamos a súa falta de seriedade na comunicación das súas actuacións.