A vaga de lumes que están novamente asolagando Galiza é o resultado das nefastas políticas agrarias e forestais do Goberno da Xunta do PP

 

Santiago de Compostela. 26 de agosto de 2013. Dende a Federación Rural Galega-FRUGA queremos manifestar as seguintes consideracións a respecto da vaga de lumes que un ano máis está a asolar Galiza e moi especialmente comarcas ourensáns.

 Sendo importante a determinación e o esclarecemento das causas dos lumes, pretender reducir o problema a unha cuestión de orde pública, como pretende interesadamente o goberno do PP, é desenfocar completamente as causas últimas desta problemática, e polo tanto, errar nos diagnósticos e nos tratamentos para facerlle fronte.

 Para FRUGA a orixe dos lumes forestais en Galiza hai que procurala nunha política agraria destrutiva coas potencialidades do agro galego que levou á desertización de amplas comarcas da nación, e nunha política forestal que primou o produtivismo madeireiro con especies de crecemento rápido desligado da actividade agraria.

 Temos que insistir en que a liña de traballo do PP no Goberno Galego a respecto do mundo rural estivo e está encamiñada á destrución da capacidade agraria galega. Non temos máis que lembrar que durante anos estívose incentivando e subvencionando o abandono da actividade agraria, única actividade económica real e con posibilidade de desenvolvemento para moitas comarcas galegas, que finalmente ficaron desertas e o seu territorio, ao carecer de actividade agraria, abandonado ao mato. É sintomático que nas comarcas rurais onde a actividade agraria sigue sendo importante, a incidencia dos lumes é moito menor que as outras comarcas rurais sen actividade agraria.

 Por outro lado, a política forestal desenvolvida polo Goberno Galego do PP redúcese á promoción da produción madeireira, principalmente en base ao eucalipto e ao piñeiro, esquecendo as outras moitas potencialidades do monte galego. Cabe sinalar a eliminación por parte da actual goberno da Xunta das liñas de axudas vinculadas á diversificación do monte así como á valorización do seus recursos non madeireiros posta en marcha pola anterior consellería nacionalista.

Tamén e relevante, para entender o seu modelo, o contido da actual Xunta da lei de montes de Galiza, que trouxo a derogación da lei de prevención de incendios forestais aprobada tamén co BNG na Consellería do Medio Rural, polo que se eliminaron ou reduciron considerabelmente as distancias de separación das plantacións forestais aos núcleos rurais, se permite novamente as plantacións de masas continúas de especies pirófilas sen límite ningún, elimínanse as franxas de especies frondosas que actuaban de corta lumes, e outras medidas encamiñadas á prevención e á regulación do monte. Así mesmo, na nova lei ábrese a posibilidade de privatización dos montes comunais. Un paso máis en arredar á poboación do rural da xestión e a implicación vital e económica co monte, como tamén ocorreu coa eliminación do voluntariado do monte, as cuadrillas de prevención das propias comunidades e todas as medidas encamiñadas a implicar á poboación no futuro e xestión do monte. E como exemplo máis relevante do que é unha política agraria e forestal absolutamente errada e negativa para o futuro do rural galego, novamente permítese a forestación de terras agrarias, xusto o contrario que se precisa para camiñar na batalla contra as causas dos lumes. 

En canto ás medidas de prevención e extinción dos incendios só nos temos que remitir ao comunicado conxunto das organizacións sindicais da semana pasada, no que denunciaban que a Consellería do Medio Rural está a desmantelar progresivamente o servizo de prevención e extinción de incendios forestais, e alertaban das repercusións negativas que isto suporía para o País e o perigo que entrañan esta liña de actuación do PP.

En consonancia con todo o exposto, a Federación Rural Galega, FRUGA, esixe do Goberno Galego a rectificación da súa política agraria e forestal no sentido xa sinalado. Un medio rural galego con actividade agraria e montes polifuncionais nos que a implicación na súa xestión da poboación rural sexa importante, é a mellor garantía de que o territorio non sexa ano tras ano pasto dos lumes.