Ourense, 26 de setembro de 2013.- A FRUGA decidiu non subscribir a proposta de contrato que se discutiu onte en Ourense na Mesa do Viño do Ribeiro, polas seguintes razóns:
Os prezos son claramente inferiores ao último acordo do Ribeiro de hai dúas campañas onde a banda para as preferentes situábase entre os 0,88 € aos 1,24 € segundo o grado, o que se negociaba onte sitúa a baixada media entre o 10% e o 40% nos prezos para as preferentes, sendo as baixadas máis acusadas para as mellores uvas e que apenas duplican ao que se quería acordar coas uvas autorizadas, o que supón unha remuneración por debaixo dos custes e unha desmotivación na necesaria reconversión varietal, e tamén ao final, nunha desvalorización do patrimonio vitícola do Ribeiro, tanto dos provedores-as como das adegas.
O acordo que se quería publicitar como homologado resulta na práctica un contrato mercantil moi distante da natureza dos anteriores, onde non aparecen suficientes garantías sobre prezos e cobros, e moitas eivas de carácter xurídico en caso de incumprimentos ou denuncias dos acordos e no que a Consellería do Medio Rural e do Mar se exime de calquera tipo de compromiso. Finalmente, a FRUGA non comprende o apresuramento dalgunha organización agraria para asinar o acordo salvo que se conformara con a xestión da recollida de uva para seus asociados-as.