Será este martes 1 de outubro ás 17:00h en Lugo
Compostela, 28 de setembro de 2013.- Nos últimos tempos as explotacións agrarias galegas e en xeral todo o campo galego está sufrindo cada vez máis intensamente danos ocasionados pola fauna salvaxe, cunha incidencia enorme no caso do xabarín. Estamos a falar de afectacións que inciden moi negativamente nas explotacións e nas veigas familiares que moitas veces botan abaixo todo o cultivo e a parcela. Todo isto nunha situación económica terríbel que afecta especialmente ao mundo rural e as explotacións agrarias galegas. Sinalar tamén que dende o ano 2009 a Xunta deixou de pagar axudas polos danos do xabarín.
Para FRUGA non é ningunha solución a este grave problema trasladarlle a responsabilidade aos TECORES. En primeiro lugar, parécenos unha deixación de funcións por parte da administración pública como principal valedora dos nosos sectores produtivos, xa que é a administración a que ten a capacidade técnica e económica para encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe. En segundo lugar, é materialmente imposíbel na realidade actual que os TECORES teñan capacidade para asumir o control de toda a fauna salvaxe que exista no seu couto e asumir tamén toda a responsabilidade dos danos que esta fauna ocasione a terceiros. O Goberno Galego pasándolle a responsabilidade aos TECORES, o único que pretende é fuxir dunha responsabilidade que lle corresponde á administración pública, ao tempo que enfronta a uns veciños con outros para evitar que a frustración que provoca os danos da fauna salvaxe se enfoque cara á Xunta.
Debemos incidir tamén en que o incremento dos danos da fauna salvaxe sobre os cultivos é consecuencia do abandono e desestruturación do medio rural galego, froito das políticas erradas que o Goberno do PP está a desenvolver na Xunta de Galiza. Para FRUGA existe unha relación directa entre a situación de abandono do noso medio rural por parte do Goberno Galego e o aumento dos danos causados pola fauna salvaxe.
Para analizar toda esta problemática e procurar solucións que lle poñan couto, FRUGA vai desenvolver unha xornada de traballo o vindeiro martes 1 de outubro a partir das 17:00 h. no Edificio Sindical de Lugo. Contaremos coa presenza de técnicos especialistas na materia, membros da Xunta Directiva de FRUGA, titulares de explotacións afectadas e representantes de Tecores. O desenvolvemento das nosas alternativas sustentaranse nos seguintes eixos:
-Asunción por parte da administración pública da súa responsabilidade e competencia no tratamento desta problemática.
-Elaboración dun estudo da situación actual, comezando por elaborar un censo das poboacións de fauna salvaxe máis problemática, recollida de información de danos en cultivos, elaboración dun mapa de danos, etc. Este estudo de situación deberá derivar nun plan de actuación público, baixo a dirección, supervisión e apoio económico da Xunta, que contará coa participación de representantes dos labregos e labregas, e que teña como finalidade a prevención dos danos ocasionados nas explotacións galegas.
-Habilitar de xeito urxente un fondo de danos para as explotacións agrarias, con orzamento suficiente, que cubra os danos ocasionados pola fauna salvaxe, incluídas as perdas de colleitas e a rehabilitación das zonas afectadas.