FRUGA elabora propostas para enfrentar os danos causados pola praga do xabarin

Medidas estruturais e actuacións a curto prazo deben ser combinadas para baixar o censo de xabarín e poñer freo á desfeita que está facendo a fauna salvaxe no agro galego.
Lugo 2 de outubro de 2013. – Nos últimos tempos as explotacións agrarias galegas e en xeral todo o campo galego está sufrindo cada vez máis intensamente danos ocasionados pola fauna salvaxe, cunha incidencia enorme no caso do xabarín. Todo isto nunha situación económica terríbel que afecta especialmente ao mundo rural e as explotacións agrarias galegas. Sinalar tamén que dende o ano 2009 a Xunta deixou de pagar axudas polos danos do xabarín.
FRUGA celebrou onte en Lugo unha xornada de traballo onde técnicos especialistas na materia, membros da Xunta Directiva de FRUGA, titulares de explotacións afectadas e representantes de TECORES debateron sobre as solucións a buscar a esta problemática.
En primeiro lugar, FRUGA considera que a Xunta de Galiza debe asumir a súa responsabilidade e non tratar de trasladarlle a carga aos TECORES. A administración pública é a que ten a capacidade técnica e económica para encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe, e non, tal e como pretende, que sexan os TECORES os que teñan toda a responsabilidade dos danos que esta fauna ocasione a terceiros. O Goberno Galego, con esta actitude, o único que pretende é fuxir do seu deber e enfrontar a uns veciños con outros. Os cazadores non son o problema, senón parte da solución.
Abandono, desestruturación e desorde do medio rural galego, froito das políticas erradas que o Goberno do PP está a desenvolver na Xunta de Galiza, son as causas do incremento dos danos da fauna salvaxe sobre os cultivos. Para FRUGA existe unha relación directa entre a situación de abandono do noso medio rural por parte do Goberno Galego e o aumento dos danos causados pola fauna salvaxe.
O desenvolvemento das nosas alternativas sustentaranse nos seguintes eixos:
-Asunción por parte da Xunta de Galiza da súa responsabilidade e competencia no tratamento da problemática asociada aos danos causados pola fauna salvaxe (xabarín, lobo, corzo, corvos, etc)
-Elaboración dun informe da situación actual, comezando por elaborar un estudo rigoroso onde se analice o censo e distribución das poboacións de fauna salvaxe máis problemática e os seus danos. A partir de aí estudaranse diferentes métodos alternativos de xestión e control das poboacións que xa se están comezando a empregar en Europa. O equilibrio ecolóxico está roto, polo que é preciso restaurar, de forma urxente, este equilibrio mediante un control efectivo da poboación de xabarín en Galiza .
-Habilitar de xeito urxente un fondo de danos de compensación que cubra os danos ocasionados pola fauna salvaxe, incluídas as perdas de colleitas e a rehabilitación das zonas afectadas.
-Establecer unha serie de medidas de apoio á actividade agraria e de desenvolvemento rural que axuden a ordenar a actividade agrario e o territorio para moderar o censo de fauna salvaxe.