Feijoo falsea a realidade a respeito do prezo do leite e das axudas da PAC

A inoperancia da Axencia Tributaria española pon en perigo o anticipo o adianto da PAC

Feijoo mófase das persoas que día a día traballan a reo para sacar adiante ás súas gandeirías
Lugo 10 de outubro de 2013. -Fai poucos días, Núñez Feijoo facía unhas declaracións nas que se autoproclamaba como “salvador” do sector leiteiro galego, facéndose responsable de que os produtores/as lácteos estean recibindo unha melloría no prezo.
É certo que o prezo do leite que reciben os/as produtores/as galegos/as tivo un incremento significativo nos últimos meses, cousa que, desde FRUGA, acollemos con satisfacción e agardamos que teña continuidade no tempo. Pero tamén pensamos que, en ningún caso, esta suba é consecuencia da política que leva a cabo a Xunta de Galiza, senón que se debe a causas conxunturais, principalmente á baixada de produción dos países exportadores e da súa influencia nos mercados internacionais.
Feijoo incluso chegou a afirmar que esta suba obedece ao traballo que leva realizado a propia Xunta fomentando o dialogo e entendemento entre a industria e o sector produtor, pois ben, iso é rotundamente falso, non existe negociación algunha, a mesa do leite non se está convocando e non hai unha aposta da Xunta para a creación da tan necesaria interprofesional láctea galega, que é o organismo que debera velar polo mantemento dun equilibrio no mercado lácteo.
De feito, a política do Partido Popular é contraria aos intereses do sector leiteiro galego tal e como se ve na conxelación que a propia Xunta fixo co Banco de Terra de Galiza (BANTEGAL) e do Contrato de Explotación Sustentable (CES). Núñez Feijoo gábase de que foi el quen aprobou a primeira Lei de Montes de Galiza, pero hai que ter en conta que se trata dunha norma que fora iniciada polo BNG durante o goberno bipartito e que contaba cun grande consenso, e que, coa chegada á Xunta do PP, esta Lei foi modificada,
deixou de ter o consenso que tiña e pasou a perxudicar ao sector agrario galego, introducindo medidas tan polémicas como o levantamento da prohibición de forestar terras agrarias.
Tamén, Feijoo afirma que axilizou o pago das axudas da PAC, mais a realidade é todo o contrario para un gran número de explotacións gandeiras galegas. Moitas delas están recibindo a notificación de que este ano non van poder recibir o adianto das axudas da PAC, cousa que é moi importante para as granxas que teñen agora que facerlle fronte ao custo da recollida do millo, porque se teñen detectado algún tipo de incidencia coa Axencia Tributaria, cando tales incidencias non existen, senón que obedece á falta de rigor e dilixencia da propia Axencia Tributaria, transmitindo información falsa ou incorrecta á Xunta de Galiza. A miores esto agrávase con aque a Xunta fixo esta consulta moi tarde e non da tempo a corrixir estes erros causados pola Axencia Tributaria.
Outros contratempos con este adianto das axudas da PAC que temos detectado desde FRUGA é que, a causa da privatización das inspeccións de superficies, están sendo moi lentas, o que provoca a ralentización dos expedientes, poñendo en risco que moitas granxas galegas queden sen percibir o propio adianto.
Desde FRUGA parécenos que con este tipo de anuncios, Núñez Feijoo, pretende primeiramente mofarse das persoas que día a día traballan a reo para sacar adiante ás súas gandeirías e en segundo lugar insiste en pór pedras no camiño para un normal funcionamento das granxas galegas.