O proceso concursal de Maceiras e Esmoris SL entra de cheo no caso da presunta fraude forestal na Costa da Morte

 

Desde a empresa estase a reclamar o pagamento das facturas dos traballos forestais denunciados pola FRUGA que están a ser investigados polo Xulgado de Corcubión

Cee, 27 de decembro de 2013.- Nos últimos dias están a chegar numerosas cartas a domicílios da Costa da Morte, emitidas desde a empresa Maceiras e Esmoris, nas que informan do auto xudicial ditado polo Xulgado do Mercantil nº 2 de A Coruña, que en 25 de outubro declarou à citada empresa en situación legal de concurso de acreedores. Pero a surpresa chega cando através desta carta se reclama o pagamento de supostas facturas pendentes, resultado do estudo da contabilidade da empresa por parte da Administración Concursal designada.

Xunto con esta comunicación achegase copia da factura emitida pola empresa e copia do libro maior da contabilidade da mesma.

Indignación dos e das afetadas pola fraude

As facturas fan referencia tanto aos traballos forestais denunciados polos veciños e veciñas organizados através da FRUGA como outros que tamén están a ser investigados desde o Xulgado e que poderian ter sido tamén xestionados de maneira irregular.

Surpresivamente moitas destas facturas correspondense con expedientes aprovados pola Consellaria do Medio Rural e do Mar e que polo tanto contaban con documentos acreditativos do pagamento das mesmas, que ao parecer non figuran na contabilidade da empresa.

Estas comunicacións non fan mais que indignar ainda mais, se cabe, as vítimas desta presunta fraude às que se lles están a reclamar uns cartos que eles nunca chegaron a xestionar e que foron “movidos” por diferentes contas e sucursais bancarias no seu nome tal e como teñen denunciado, e que ten levado à imputación de distintos responsábeis de entidades bancarias do concello de Vimianzo

Ampliación da denuncia

Desde os servizos xurídicos dispostos pola FRUGA para dar cobertura aos e ás denunciantes estase a pór en coñecemento do Xulgado de Corcubión esta nova situación que afecta xá a varios dos denunciantes que xa teñen pasado polo Xulgado.