Parte das cooperativas do proxecto anunciaron que levarían á Xunta ante a xustiza e directivos de Alimentos Lácteos responsabilizan á propia administración galega da quebra
Lugo, 8 de xaneiro de 2014-. Cando en 2009 Pascual se desfixo da planta de Outeiro de Rei e todo indicaba a que se faría cargo dela un grupo de 23 cooperativas, algunha delas con experiencia na comercialización de leite como FEIRACO, entrou en escena Romay Beccaría, sucesor no cargo de Bárcenas como tesoureiro do Partido Popular e impediu esta operación cando estaba practicamente pechada.
En lugar diso, constituíuse a empresa Alimentos Lácteos (AALL), formada por só unha parte das cooperativas do proxecto inicial e controlada por dúas persoas do PP: Eugenio Montero, tenente alcalde de Touro e Arcadio López ex-alcalde accidental de A Pastoriza.
Desde ese mesmo intre, a Federación Rural Galega-FRUGA denunciou, tanto a dubidosa viabilidade do proxecto como a falta de escrúpulos do Partido Popular, xa que antepoñían os seus intereses partidistas e caciquís á posibilidade de que a primeira das opcións para a xestión da planta de Outeiro fose o xerme do tan necesario Grupo Lácteo Galego.
A quebra de AALL, deixa un regueiro de 15 millóns de euros de débedas recoñecidas, perto de 1000 produtores/as aos que se lles adebeda o leite de varios meses, 9 millóns de euros de cartos públicos fundidos e perto de 100 de traballadores da planta de envasado sen emprego e varias cooperativas nunha situación realmente crítica.
Desde FRUGA denunciamos o escurantismo da operación, e exiximos responsabilidades á Xunta de Galiza, xa que a empresa está participada pola propia administración galega, así como que se lles pague aos produtores os cartos que se lle adebedan e que se realice unha auditoría que aclare as contas de AALL e a onde foron eses 9 millóns de euros que recibiron.
Agora que AALL reventou, voces de dentro da propia empresa, tamén o confirman; fai dous meses parte das cooperativas que forman parte da sociedade anunciaron que levarían á Xunta de Galiza ante a Xustiza como responsable da quebra. Tamén recentemente, directivos de AALL presentaron un escrito nos mesmos termos e incluso chegan a afirmar que “Alimentos Lácteos se creou para solventar un problema político”.
Incluso Samuel Juárez, conselleiro de Medio Rural cando se consumou o feito, dixo posteriormente que xa sabía no momento da constitución de AALL que “carecía do músculo necesario”
Os propios protagonistas veñen a confirmar que a empresa AALL só serviu para beneficiar ao PP, namentres que ,á súa vez, perxudicaba directamente aos produtores afectados aos traballadores da planta de envasado e ao conxunto do sector lácteo galego.
Por todo iso, vistas as evidencias, desde FRUGA volvemos exixir responsabilidades políticas, e penais se as houbera, ante o escándalo e o posterior desastre que supuxo o proxecto Almentos Lácteos.