O Goberno Galego renuncia á defensa do noso rural e pregase aos ditados do PP no Estado
O BNG comprométese a defender as propstas da FRUGA nos distintos foros parlamentares onde entre a debate
Compostela, 22 de xaneiro de 2014.- O 20 e 21 de xaneiro reuníronse as comunidades autónomas co ministerio de agricultura para ir pechando as cuestións pendentes da nova PAC competencia do estado. Nestas negociacións o sector agrario galego xógase moito, mais o Goberno Galego renuncia á defensa do rural galego e pregase aos ditados do PP no Estado.
FRUGA ten definida unha proposta para estas negociacións que lle foi presentada ao BNG nunha reunión co seu Portavoz Nacional, Xavier Vence, e Tereixa Paz, deputada no Parlamento Galego e responsábel de asuntos agrarios. O BNG asumiu esta nosa proposta e o compromiso da súa defensa nos distintos foros parlamentares. Posteriormente á reunión trasladóuselle publicamente ao Goberno Galego a proposta que se sustenta nos seguintes eixos:
Para FRUGA as axudas sómente as deben cobrar aquelas persoas que exerzan unha real actividade agraria que cumpran coas condicións da definición de ATP (cando menos o 50% da renda proceda da actividade agraria e o tempo de traballo en actividades non agrarias ten de ser inferior ao 50% do seu tempo de traballo). Establecer un tope máximo por solicitante de 100.000€ para ter unha distribución mais equitativa, que favoreza ás pequenas e medianas explotacións como as galegas. Así mesmo, favorecer as primeiras 30 hectáreas e ter en conta o tamaño das explotacións e os postos de traballo xerados. Excluír das superficies polas que se pode cobrar o Pagamento Base as dedicadas a cultivos enerxéticos.
A comarcalización ten que ter en conta a especificidade da agricultura atlántica e a realidade galega e non aproveitarse da comarcalización para unha recentralización das competencias agrarias que son exclusivas de Galiza. A comarcalización contará co peso do emprego agrario, o nivel de desenvolvemento e importancia da agricultura na economía e no emprego.
Destinar ás axudas ligadas a porcentaxe máxima posíbel. Os sectores aos que irán estas axudas serán o lácteo e o de carne de vacún. No vacún de carne estas axudas deberán estar ligadas ás cabezas de gando, as UTAs, superficie da explotación, carga gandeira e zona. No leite os criterios tamén deberían basearse nas cabezas de gando, UTAs, superficie e carga gandeira, así como a vocación leiteira da zona e a falta de alternativas produtivas ou de emprego.
No sector vitícola apostamos por manter o Programa de Apoio, destinando os fondos á reestruturación e reconversión de viñedo, á promoción e aos investimentos. Opómonos ao traspaso de fondos do programa de apoio ao réxime de pagamentos directos.
Galiza non pode renunciar a un Programa de Desenvolvemento Rural propio con fondos suficientes para a súa aplicación e non integrado nun programa marco estatal. Opómonos frontalmente á transferencia entre piares, e de se ter que efectuar que non sexa nunca do segundo ao primeiro piar.