Unha proposta de costas á realidade galega
Carece dunha perspectiva integral, está excesivamente sesgada cara os aspectos urbanísticos minorando outros usos do territorio e consagra a desprotección e desvalorización do solo rústico.
Ninguneo e degradación do chan rústico
Porta aberta a minas, cultivos enerxéticos e especulación urbanística
A desvalorización interesada do solo rústico común sitúa nun mesmo plano a determinados usos do territorio que non teñen a mesma repersusión sobre o medio e os seus habitantes. Por exemplo, os aproveitamentos mineiros no chan rústico fican ao mesmo nível que os usos agrogandeiros e forestais, obviando a función social, fixadora de poboación, de conservación do patrimonio natural e cultural así como de mantemento da soberanía alimentar que estes desenvolven.
E a respeito dos usos construtivos, a nova lei permite a desclasificación arbitraria do chan rústico común, coa excusa dun “desenvolvemento urbanístico racional”, suprimindo as cautelas que até o de agora fixaba a lei 9/2002. Ábrese deste xeito a porta a consagrar por lei a discrecionalidade e de repetir, agora con todos os parabéns legais, os despropósitos perpetrados durante os anos da burbulla inmobiliaria.