O descenso do orzamento asignado á última campaña desta axuda, fai que só uns poucos/as vaian recibir o que lles corresponde
Lugo, 19 de febreiro de 2014.- En abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) no goberno bipartito, sacaba unha liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea: unha aposta por unha produción de alimentos sans e de calidade.
Deste maneira a CMR e os titulares das explotacións gandeiras asumían durante cinco anos
unha serie de compromisos. Por unha banda os gandeiros/as comprometíanse a cumprir medidas
relacionadas coa hixiene e a sanidade animal, co correcto mantemento da superficie agraria e coa propia orientación da recría nas granxas, fomentando así as razas autóctonas. Por outra banda, a CMR comprometíase ao pago de ata 156 € anuais por animal reprodutor.
O Partido Popular, unha vez que asumiu o goberno galego, dado que non podía eliminar estas
axudas, comezou un constante recorte dos importes que reciben os labregos/as (xa na campaña
2011 o retallamento chegou a un 45% sobre a cantidade inicial), pero foi na campaña
correspondente ao ano 2012 que, aínda agora se ven de resolver, cando a “machada” do
executivo de Núñez Feijoo mostrou o seu peor fío.
Nesta anualidade, o orzamento para facer fronte aos compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galiza reduciuse aproximadamente a unha cuarta parte do importe asignado no inicio do programa no 2008, o que supón que sobre o 75% das solicitudes de renovación de compromisos no ano 2012 van quedar fora das axudas, iso si, unha vez que as explotacións afectadas si que cumpriron coas súa obrigas.
Temos que lembrar que esta mesma campaña 2012, xa sufrira un intento de ser “saltada á toreira” por parte do Goberno Feijoo, pero que, despois da campaña en solitario levada a cabo pola Federación Rural Galega-FRUGA nas principais comarcas afectadas, xunto coa presentación de recursos de reposición e queixas ao Valedor do Pobo por parte de gandeiros/as afectados/as, onde se esixía á Consellería do Medio Rural e do Mar que rectificara e que se fixeran efectivos os importes destas axudas, deu resultado e forzaron ao Partido Popular a mudar de opinión e a manter finalmente este programa ata o final.
Desde FRUGA vemos con preocupación este novo atentado contra as gandeirías galegas en xeral e contra as granxas extensivas en particular, estas axudas orientan a produción de carne caradúas potencialidades que envexan noutras zonas produtoras: as nosas razas e os nosos pastos.
Desaproveitar as nosas potencialidades, tal e como fai a Xunta, é unha irresponsabilidade: por
que renunciar a producir unha carne de excelente calidade dun xeito que en poucas áreas
xeográficas se pode facer e así marcar distancias cos nosos competidores dereitos?
Tamén temos que ter presente que moitas explotacións con razas autóctonas en perigo de
extinción estaban acollidas a este programa, sen o cal o mantemento e a viabilidade destas
granxa dificúltase enormemente, polo que con estes recortes ponse en perigo a supervivencia do
noso patrimonio xenético e cultural.
Do mesmo xeito non comprendemos como esta Xunta de Galiza castiga a produción extensiva, xa que é o tipo de orientación que se vai primar na nova PAC e que tamén é a liña a seguir polos
restante países europeos atlánticos. En lugar diso, o Partido Popular vai por libre, e escolle
fomentar un modelo de produción que se atopa nun túnel sen saída: o da compra de alimentos
alleos ás propias explotacións.