Concluen as Xornadas Rurais con unha mensaxe clara: o agro galego ten futuro

As xornadas promovidas desde a FRUGA e ADEGA cobran vida propria e aspiran a ser un ponto de encontro para os novas iniciativas que agroman no rural galego e os proxetos colectivos que pretenden recuperar patrimonio e territorio para a actividade agraria

 

Compostela, 26 de febreiro de 2014.- Durante a fin de semana a Eira da Xoana, en Ramil, converteuse no epicentro dun terremoto de ideas, debates sen cancelas e sobre todo, de ilusión por dignificar as actividades tradicionais do rural e dos novos proxetos que abren novas posibilidades vitais e laborais no noso territorio.

 Un ambiente excepional

Unha asistencia que superou as espectativas d@s convocantes ateigou un espazo que mesmo se fixo pequeno por momentos, no que as distintas experiencias que serviron para “quentar” as distintas palestras propiciaron un debate aberto e sinceiro que serviu para encher de novas enerxias tanto a aqueles/as que que xa desenvolven a sua vida no rural como a quen busca no agro unha alternativa.

A cordialidade e a fraternidade marcaron o decorrer de dous dias que non terían sido posibeis de non ser pola implicación de tod@s e cada un/ha d@s asistentes nas distintas tarefas de intendencia propias deste evento, e que serviu para alimentar esa complicidade que desde o primeiro minuto embargou aos/ás presentes.

 

Desde a horizontalidade, abertas á sociedade

Mais o mais importante destas Xornadas é a únánime desición no seu encerramento de darlles continuidade, e facer deste encontro o xermolo dun movimento capaz de aglutinar e ilusionar ás persoas e colectivos que confian no futuro do noso agro, na ecoloxia e na necesidade de facer comunidade. É aquí que as Xornadas cobran vida propria para converterse nun instrumento disposto a actuar socialmente para conquerir ese agro galego cheo de vida que tod@s ancellamos.