FRUGA agarda que a Xunta rectifique, namentres seguiremos coa nosa campaña informativa
Lugo, 18 de marzo de 2014.-Cando en abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) do goberno bipartito, sacou a liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea de apostar por unha produción de alimentos sans e de calidade, tanto a CMR como os/as
titulares das granxas, asumían durante cinco anos un compromiso:
os/as gandeiros/as comprometíanse a cumprir medidas que fomentaban as razas autóctonas en base á superficie e, a cambio, a CMR facíase responsable do pago de ata 156 € anuais por animal reprodutor.
O Partido Popular, unha vez que asumiu o goberno galego, dado que non podía eliminar estas axudas, comezou un constante recorte dos importes que reciben os labregos/as (xa na campaña 2011 o retallamento chegou a un 45% sobre a cantidade inicial), pero foi na campaña correspondente ao ano 2012 que, aínda agora se ven de resolver, cando o executivo de Núñez Feijoo deixo ver o pouco que significa para el o sector de vacún de carne galego.
Nesta anualidade, sobre o 75% das solicitudes de renovación de compromisos no ano 2012 quedaron fora das axudas, iso si, unha vez que as explotacións afectadas si que cumpriron coas súa obrigas.
En base a isto, a Federación Rural Galega-FRUGA comezou unha campaña informativa denunciando este abuso onde se instaba a todos/as os/as afectados/as a recurrir esta resolución que consideramos inxusta. Tamén, a partir de aí, acordouse realizar unha mobilización do sector de vacún de carne en Lugo, que é onde se atopan a maior parte dos afectados.
Pois ben, a concentración celebrouse hoxe pola mañá diante da delegación da Xunta de Galiza en Lugo a onde se achegaron centos de persoas afectadas. Alí, Xurxo Álvarez e Elías Somoza, presidente e responsable de sectores gandeiros de FRUGA, denunciaron os retrasos na resolución desta axuda, a súa notificación só a través do DOG e tamén os erros que tamén se deron en moitas das aprobacións, en definitiva, a situación de indefensión na que se atopan os/as afectados/as.
Tamén falouse da necesidade de deter a agresividade con que a Xunta de Galiza actúa contra o vacún de carne: os continuos recortes e a posterior non renovación do Contrato de Explotación Sustentable (CES), a paralización do BANTEGAL e a falta de defensa dos intereses das granxas galegas no próxima reforma da PAC e que vai supoñer menos ingresos dos actuais, sumada ao
constante suba dos costos de produción e o conxelamento dos prezos que reciben os/as labregos/as, fan que o descenso da renda sufrido nas explotacións de carne sexa máis que preocupante.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA, continuaremos loitando para facerlle ver ao Sr. Núñez Feijoo, que lle debe un respecto ao sector do vacún de carne, una actividade estratéxica en Galiza que emprega a 9.000 familias e que é a principal actividade económica en moitas comarcas.
Do mesmo xeito, continuaremos atentos do que poida acontecer con esta axuda de razas autóctonas en extensivo: non pararemos ata que a Xunta de Galiza rectifique e se aproben todosos expedientes que cumpriron cos seus compromisos.
Podes ver aqui un video da mobilización: