A Xunta de Galiza desatende as súas obrigas e deixa vía libre á baixada do prezo
Lugo, 2 de Abril de 2014.- En outono de 2013 a crise derivada dos prezos baixos que reciben os/as produtores/as de leite galegos daba un respiro e os prezos recuperábanse debido principalmente á baixada de produción dos países exportadores e da súa influencia nos mercados internacionais. Deste xeito superábase, polo menos momentaneamente, unha das peores crises do sector lácteo galego.
Agora a situación semella volver a torcerse, xa que comezan a producirse novas baixadas do prezo do leite, que aínda que xa comezaramos a detectar anteriormente, vai ser neste segundo trimestre cando esta redución se faga efectiva na maior parte da explotacións.
Temos que lembrar que os prezos que se alcanzaron ultimamente corresponden ao mínimo necesario para que a produción de leite sexa rentable, os custes de produción seguen altos ou incluso subindo e por iso o mantemento destas cantidades son necesarias para o mantemento da propia actividade leiteira.
A gran distribución é a peza chave no cadea de valor do leite, ao continuar empregando o leite como produto reclamo nas superficies comerciais baixando o prezo moitas veces a ata chegar a unha práctica ilegal pero consentida como é a venta a perdas ou “dumping”. Isto provoca que a industria tamén o baixe ao sector produtor, e que, sendo este o eslavón máis feble da cadea, é o que paga a maior parte das consecuencias desta práctica do libre mercado.
Desde a Federación Rural Galega-FRUGA, primeiramente consideramos que esta baixada
inxustificada do prezo do leite é consecuencia da falta de regulación dos mercados a nivel
internacional, pero tamén da falta de interese da Xunta de Galiza e do Ministerio de Agricultura.Medidas como o paquete lácteo ou a Lei da cadea alimentar carecen de contido e de
capacidade reguladora. Todo o sector produtor esperaba medidas que servisen para marcar
claramente as regras polas que se terían de regular as relacións entre os distinto elos da cadea
alimentar: sector produtor, transformador, comercial e distribuidor, e sobre todo no que ten a ver con a determinación dos prezos a percibir por parte do sector produtor, en lugar diso, estas
medidas serviron na práctica como mera estratexia publicitaria.
Namentres que á Xunta de Galiza se lle enche a boca anunciando o “éxito” dos contratos
homologados, a realidade é que o que podía ser unha ferramenta útil, acontece que, ao carecer dunha interprofesional láctea galega, estes contratos non serven para o que debera: fixar unha estabilidade de prezos no sector leiteiro galego.
Núñez Feijoo, con esta falta de interese deixa desprotexidas ás granxas galegas, polo que desde
FRUGA demandamos, unha vez máis á Xunta de Galiza que deixe de facer propaganda e que
traballe para finalmente constituir o que o sector lácteo galego precisa: unha interprofesional
láctea galega.