O orzamento non se incrementou, polo que a consellería insiste en discrimar as razas autóctonas galega
Lugo, 16 de abril de 2014.- Cando en abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) do goberno bipartito, sacou a liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea de apostar por unha produción de alimentos sans e de calidade, tanto a CMR como os/as titulares das granxas, asumían
durante cinco anos un compromiso: os/as gandeiros/as comprometíanse a cumprir
medidas que fomentaban as razas autóctonas en base á superficie e, a cambio, a CMR facíase responsable do pago de ata 156 € anuais por animal reprodutor.
O Partido Popular, unha vez que volveu ao goberno galego, como non podía eliminar estas axudas, aplicou un constante recorte que rematou na anualidade do ano 2012, que aínda se resolveu no pasado mes de marzo, cando o executivo de Núñez Feijoo demostrou o escaso interese que ten no sector de vacún de carne galego: nesta resolución, a Xunta deixaba sobre o 75% das solicitudes que cumprían cos compromisos fora das axudas, ao tempo as aprobacións estaban cheas de irregularidades con expedientes aprobados con importes altos de máis e outros que nin sequera deberan estar aprobados.
Visto a situación, a Federación Rural Galega-FRUGA comezou unha campaña informativa denunciando este abuso onde puxo a disposición de todos/as os/as afectados/as un recurso ante esta resolución que consideramos inxusta. Tamén celebrou unha mobilización en Lugo o pasado 18 de marzo, onde se citaron centos de persoas afectadas, que supuxo a maior manifestación do sector do vacún de carne desde hai anos e onde se esixía ao goberno galego que se aprobaran todas as
solicitudes que cumpriran co pactado.
A partir de aí, a Xunta de Galiza veuse obrigada a correxir estas irregularidades e hoxe publicou unha nova resolución, pero, para a nosa sorpresa, sen poñer un euro máis riba da mesa. Deste xeito continúa deixando sen axuda a practicamente aos mesmos: das 842 granxas que procederon co acordado, só van recibir a axuda 213, é dicir, quedan fora case o 75% das solicitudes que si cumpriron.
O que a Xunta chama un “erro informático que afectou aos cálculos” foi en realidade unha chapuza, e agora ten que amañalo porque houbo quen o denunciou publicamente. Iso si, tenta arranxalo sen ter que gastar un peso.
O que ten que facer é cumprir co prometido, aumentar o orzamento o necesario
para, aprobar todos/as os/as gandeiros/as que cumpriron coa súa parte e punto.
Esta corrección parécenos unha broma de mal gusto do Partido Popular, primeiramente recortan estas axudas ano tras ano, despois veñen uns atrasos inxustificados con aprobacións sen que haxa o envío dunha carta tal e como se debera facer, logo fan unha aprobación da campaña 2012 irregular e agora,
que teñen que corrixir erros e que poden reparar a situación, miran para outro lado e deixan as cousas practicamente como estaban.
Desde FRUGA non vamos deternos ata que as persoas que si que merecen esta axuda a reciban. Vamos plantarlle cara a esta Xunta de Galiza que agrede unha e outra vez ao sector de vacún de carne, que recorta sistematicamente as axudas, que non renova o Contrato de Explotación Sustentable (CES), que paraliza o BANTEGAL, e que non defende os intereses das granxas galegas no próxima reforma da PAC. Por todo o anterior, continuaremos coas medidas de presión oportunas ata conseguir
o que nos corresponde.