O vacún de cane volve mobilizarse e continuará en loita até que se aproben todas as axudas de razas autóctonas

Unha nova protesta en Lugo esixiu á Xunta de Galiza un aumento orzamentario, que
cumpra co pactado e que cese coas seus ataques ao sector
Lugo, 30 de abril de 2014.- Cando en abril de 2008, a Consellería do Medio Rural (CMR) do
goberno bipartito, sacou a liña de axudas destinada ao fomento de produción das razas gandeiras autóctonas en réximes extensivos, en concordancia coas políticas que recomenda a Unión Europea de apostar por unha produción de alimentos sans e de calidade, tanto a CMR como os/as titulares das granxas, asumían durante cinco anos un compromiso: os/as gandeiros/as
comprometíanse a cumprir medidas que fomentaban as razas autóctonas en base á superficie e,
a cambio, a CMR facíase responsable do pago de ata 156 € anuais por animal reprodutor.
O Partido Popular, unha vez que asumiu o goberno galego, comezou unha campaña programada de acoso e derribo ao sector da carne galego. Viñeron progresivamente os recortes e os atrancos para un o normal funcionamento do Contrato de Explotación Sustentable (CES), despois a paralización do Banco de Terras de Galiza (BANTEGAL) e finalmente tamén chegou o asedio ás axudas de razas autóctonas.
Como non podían eliminalas, comezaron a recortalas cada ano un pouco máis ata chegados o
último dos cinco anos, que aínda se veu de resolver recentemente, no que o 75% das solicitudes
que cumpriron cos requisitos quedaron fora das axudas. Despois das mobilizacións e dos
recursos presentados por FRUGA despois dunha resolución chea de irregularidades, a Xunta
publicou unha modificación, pero sen poñer un peso máis, polo que practicamente as mesmas
explotacións, máis de 600, e que cumpriron co pactado, seguiron na lista das denegacións.
En vista disto, hoxe, o sector de vacún de carne, volveu a Lugo a mostrar a súa indignación á
porta da delegación da Xunta de Galiza, onde centos de gandeiros/as afectados protestaron por
algo que é claramente inxusto e discriminatorio. Ata a propia delegada territorial, Raquel Arias
puido comprobar, xa que cando pasou por diante da concentración foi preguntada pola multitude sobre o porqué deste abuso, aínda así, non se dignou a recibir unha representación de
damnificados.
Despois desta última modificación desta axudas, desde FRUGA puxemos novamente a
disposición dos/as interesados/as un novo recurso con alegacións e tamén volvemos protestar a
Lugo como medida de presión, e así vamos continuar ata que todos os expedientes que cumpriron cos compromisos sexan aprobados e todas as granxas reciban os cartos que lles pertencen. Do mesmo xeito agotaremos a vía administrativa e incluso non descartamos acudir ao contencioso en defensa do que é, a todas luces, xusto.
FRUGA continuará loitando para facerlle ver ao Sr. Núñez Feijoo, á conselleira do Medio Rural, á delegada territorial e a que faga falta que o sector da vacún de carne merece un respecto. A
excusa de que a Xunta non ten cartos non é crible, se se gastaron máis de nove millóns de euros
no proxecto fracasado de Alimentos Lácteos, cómo pode ser que non haxa unha cantidade moito menor para manter un sector como o da carne que mantén a 9.000 familias galegas e que é practicamente a única actividade económica en moitas comarcas do País.