Feijoo quere constituír unha gran organización de produtores e produtoras de leite de todo o Estado español e FRUGA quere unha única organización sómente galega
Lugo, 23 de maio de 2014.- Na semana pasada o señor Presidente da Xunta da Galiza acompañado da Conselleira do medio rural e do mar e do Conselleiro de medio ambiente, territorio e infraestruturas cursou unha visita á señora Ministra de agricultura, alimentación y medio ambiente.
No transcurso da mesma o señor Presidente ofreceu unhas declaración públicas nas que se manifestaba favorábel á constitución de unha grande organización de produtores e produtoras de leite no ámbito de todo o Estado español.
En realidade o que nos está a dicir o noso Presidente é que renuncia a liderar o sector leiteiro no Estado español, sendo Galiza, como é, a primeira potencia produtora de leite do Estado, contando con mais do 50% das granxas do Estado que producimos o 40% do leite. Con estas declaracións o PP pretende diluír o sector leiteiro galego dentro do sector leiteiro español equiparando a Galiza con Murcia ou a Estremadura. Galiza na campaña 2012-13 produzo 2 millóns 500 mil toneladas de leite, mentres Murcia produzo 46 mil toneladas e Estremadura 32 mil.
Desde a Federación Rural Galega – FRUGA, somos da opinión contraria a do PP e o seu presidente. Nós pensamos que si Galiza produce, Galiza debería decidir sobre este sector e ser quen marcara a estratexia a seguir.
A renuncia por parte do goberno galego a liderar este sector a nivel estatal supón para as granxas galegas que a negociación dos prezos sexa feita de costas a Galiza e en Madrid, Galiza precisa de unha Interprofesional Láctea Galega que teña como obxectivo chegar a acordos firmes e estábeis entre as partes, contando coa presencia da produción, industrialización, comercialización e administración.
A renuncia do goberno galego supón botar balóns fora co obxectivo de eximirse de toda responsabilidade e compromiso en todo o relacionado co sector leiteiro e deste xeito lavarse as mans e trasladar as súas responsabilidades a outras instancias situadas fora da Galiza.
É tamén por outra parte renunciar a constituír o tan desexado como necesitado grupo lácteo galego. O 80% do leite producido na Galiza é recollido, transformado e comercializado por empresas de fora e esta situación ten unha grave incidencia sobre os prezos que recebemos as granxas galegas, case sempre inferior aos prezos que se cobran no resto do Estado español e na Unión Europea, e sobre isto algo debería dicir o goberno galego e o seu Presidente, tendo en conta a súa implicación no proxecto de Alimentos Lácteos.
Por último desde a FRUGA sempre nos manifestamos a favor de que na Galiza se constituíra unha única Organización de Produtores Lácteos e que tivera exclusivamente como ámbito de actuación o territorio galego, co fin de defender mellor o noso leite.
Porque somos a primeira potencia produtora do Estado español, temos dereito a decidir sobre o noso e non delegar en outros territorios e outras instancias.